Comeza a montaxe da estrutura do Impulso Verde, edificio pioneiro en sustentabilidade que se constrúe con madeira certificada galega 100%

A alcaldesa de Lugo comprobou in situ o avance das obras, que se iniciaron a finais do pasado ano coa execución dunha laxa de formigón que servirá de base.

Lara Méndez: “A previsión é que a mediados do mes de marzo poida estar xa rematada a estrutura. Este modelo de edificación permite avanzar con rapidez”.

A continuación, levarase a cabo o recubrimento do exterior con pizarra, así como a división interior, tabiquería, carpinterías e, por último, a dotación de mobiliario.

A edificación, de balance enerxético case cero e que  emitirá un 90% menos de CO2 á atmósfera, é a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España.

Venres, 29 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza a montaxe da estrutura do Impulso Verde, edificio pioneiro en sustentabilidade que se constrúe con madeira certificada galega 100%

O edificio Impulso Verde comeza a tomar forma. Logo de que os traballos para a súa construción se iniciasen a finais do pasado ano, coa execución dunha laxa de formigón sobre o terreo da parecela ubicada na zona da Garaballa, onte comezou a montaxe da estrutura central do edificio, trala chegada dos primeiros camións coa madeira certificada da Mariña que se empregará, procedente do serradoiro Hijos de Ramón Rubal, situado en Alfoz.

A alcaldesa, Lara Méndez, comprobou este venres in situ o avance das obras. “En só 24 horas puidemos ver como a construción da estrutura, grazas a este modelo de edificación, avanza a un ritmo moi rápido. Nos vindeiros días poderemos observar como evoluciona e se van montando as diferentes partes do edificio, que contará con tres plantas. A previsión é que a mediados do mes de marzo poida estar xa rematada toda a estrutura”, explicou a rexedora.

Unha vez finalizada a montaxe da estrutura principal, levarase a cabo o recubrimento do exterior con pizarra de Galicia, así como a división interior, tabiquería, carpitenrías interiores, e por último, a dotación de mobiliario.

O Impulso Verde será o primeiro edificio público da comunidade construído con madeira de Galicia, concretamente da Mariña, e a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España deseñado dende cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático. As obras, que se enmarcan no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, foron adxudicadas por 1,5 millóns de euros á EGOIN S.A. e contan cun prazo de execución de 15 meses.

Proceso de montaxe

A construción do edificio baséase nunha montaxe de paneis CLT desde un tamaño de 3x3 a 3x13,5 metros. Os paneis en cuestión vanse levantando sobre a laxa de formigón e vanse unindo entre si mediante escuadras metálicas específicas e tirafondos.

Inicialmente, montarase a estrutura central de madeira laminada no chan e levantarase xunto aos paneis de planta baixa que servirán para o arriostrado lateral da devandita estrutura. A posteriori, colócanse os paneis do forxado da planta primeira e iranse colocando paneis de muros e forxados superiores ata chegar á altura de cuberta.

Neste senso, cómpre sinalar que se irá levantando o bloque central do edificio deixando para o final a zona da escaleira para que as instalacións de ventilación se vaian realizando. Ademais, os paneis de fachada sur tamén se deixarán para o final. Unha vez levantada a estrutura principal en CLT, procederase á montaxe do armazón de madeira laminada de fachadas sur e, unha vez montado, levantarase para ser situados no seu sitio e despois montar os paneis de  CLT restantes desta fachada.

Unha vez as instalacións de ventilación estean terminadas, montaranse os paneis da zona de escaleira e o armazón de madeira laminada desta fachada, previamente montada no chan, tal e como se expón facelo co armazón da fachada sur. Por último, procederase á montaxe dos distintos gridshell de cuberta. Neste caso, tamén se prevé montar a xeometría de cada gridshell no chan e levantar cada unha delas ao sitio.

Características do edificio

Este modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Polo que se refire ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións. En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos. De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

Este proxecto enmárcase no programa LIFE Lugo + Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea e liderado polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación de Lugo e a labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é a posta en práctica dunha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións en barrios ou áreas residenciais para conseguir tecidos urbanos adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Impulso Verde | Descargar mp3

Noticias relacionadas