O Goberno, sensibilizado e non alleo a estes feitos que teñen graves repercusións tanto nos individuos participantes como na sociedade, realizará esta campaña principalmente nos institutos e redes sociais

Tal e como anunciara a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concello de Lugo inicia hoxe a campaña Chamar ao 092, o teu mellor golpe!, unha iniciativa a través da cal a entidade local quere concienciar aos mozos e mozas contra as pelexas xuvenís, ante o último feito acontecido na cidade entre rapaces e rapazas.
Como explicou a rexedora, trátase de darlle a maior difusión posible ao teléfono 092 da Policía Local, como recurso para comunicar o coñecemento de que se poidan producir este tipo de feitos e denuncialos ante as forzas de seguridade, de xeito anónimo, co fin de paliar e atallar esta problemática.
O Goberno municipal, sensibilizado e non alleo a estes feitos que teñen graves repercusións tanto nos individuos participantes como na sociedade, pon en marcha esta campaña, que se realizará, principalmente, tanto nos institutos e centros integrados da cidade, como en redes sociais, así como nas disintas instalacións municipais. “Queremos concienciar aos nosos mozos de que este tipo de prácticas, nin son boas, nin recomendables, nin podemos permitilas como sociedade”, asegurou a Alcaldesa, quen afirmou que é unha tarefa de todos a súa concienciación.
Así mesmo, a Policía Local reforzará a vixilancia no casco histórico e na contorna do adarve da Muralla, para intentar paliar estes feitos illados e que non se sigan producindo no futuro.
Audio
- A Alcaldesa, Lara Méndez, sobre a campaña Chamar ao 092, o teu mellor golpe! | Descargar mp3
Documento
- Campaña Chamar ao 092, o teu mellor golpe! | Descargar pdf