A entrega dos pases realizouse no recinto feiral con representantes dos barraquistas, que agradeceron ao Concello de Lugo o apoio brindado un ano máis.
Paula Alvarellos destacou que a prioridade do Goberno local é "que todas as familias de Lugo poidan desfrutar do San Froilán, independentemente da súa situación económica".

O Concello de Lugo, a través da área de Benestar Social, fixo entrega de máis de medio millar de entradas doadas polos feirantes a representantes de asociacións que dan apoio a familias vulnerables da cidade. A entrega, realizada no recinto feiral, contou coa presenza da alcaldesa Paula Alvarellos, a concelleira de Benestar Social, Olga López Racamonde; e representantes dos barraquistas, que entregaron o obsequio directamente ás asociacións beneficiarias.
"Queremos que todas as familias de Lugo poidan desfrutar do San Froilán, independentemente da súa situación económica", subliñou Paula Alvarellos. "Este xesto de solidariedade por parte dos feirantes é un exemplo do compromiso que temos para que todas as nenas e nenos de Lugo poidan gozar das festas patronais," engadiu a alcaldesa.
Olga López Racamonde destacou a importancia desta iniciativa, que "permite que as atraccións do San Froilán sexan accesibles para todas as familias, especialmente para aquelas que máis o precisan, garantindo así que ningún neno ou nena quede sen sorrir nesta celebración tan especial."
As entradas poderán ser utilizadas durante a recta final do San Froilán, coas atraccións abertas ata o 13 de outubro, xornada dedicada ao Día da Infancia, na que se aplicarán prezos reducidos nos distintos postos.



