Arranca a segunda fase da renovación da rúa Isaac Díaz Pardo, en Recatelo

Rubén Arroxo: “con esta actuación continuamos a renovación integral do barrio, creando unha nova zona de paseo entre o centro e o Parque de Rosalía”.

A Tenencia de Alcaldía de Mobilidade e Infraestruturas inviste 102.767€ que completa os traballos feitos no pasado mandato nas rúas Avelino Pousa Antelo, Vila de Sarria e na primeira parte de Isaac Díaz Pardo.

Mércores, 25 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arranca a segunda fase da renovación da rúa Isaac Díaz Pardo, en Recatelo

O tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto cos concelleiros Alexandre Penas, responsábel de Infraestruturas Urbanas e Maite Ferreiro, edil  da área de Cultura e persoal técnico municipal, visitaron o barrio de Recatelo, onde veñen de comezar os traballos da segunda fase da renovación integral da rúa Isaac Díaz Pardo. Arroxo explicou que “neste 2023 continuamos coa renovación integral de Recatelo, completando a zona peonil que comunica o centro da cidade co Parque de Rosalía, e mellorando as instalacións públicas e a calidade de vida das veciñas e veciños”.

As obras que comezan hoxe consisten no segundo treito da obra, ubicada entre as rúas Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro, “un treito que por cuestións orzamentarias non puido incluírse na primeira fase das obras”, explicou Arroxo. Os traballos consistirán na renovación do saneamento e da recollida de augas pluviais, ademais das instalacións de alumeado e telecomunicacións. A pavimentación dará continuidade aos treitos xa peonalizados na primeira fase, e instalarase tamén novo alumeado público.

O Goberno de Lugo inviste 102.767,31€ neste proxecto, e unha vez comezadas as obras, terán un prazo de realización de 3 meses.

Arroxo lembrou tamén que a Tenencia de Alcaldía de Mobilidade e Infraestruturas continuará nos vindeiros meses realizando actuacións no barrio, como a renovación do Carril dos Loureiros, tal e como se acordou coa veciñanz, onde se habilitará unha plataforma única “que nun futuro poderá ser peonil”, ademais da renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos, que foi apuntalado a finais do ano pasado, e do que se realizará unha actuación integral de renovación.

Audio

  • O tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre a renovación de Recatelo | Descargar mp3

Multimedia

  • Arranca a segunda fase da renovación da rúa Isaac Díaz Pardo, en Recatelo

Noticias relacionadas