Unha trintena de persoas participantes no Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación, que promove a Fundación Laboral da Construción, visitaron hoxe o inmoble.
O Impulso Verde cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez.

Arquitectos e aparelladores de toda Galicia coñeceron este venres as particularidades técnicas do edificio Impulso Verde, promovido polo Goberno de Lara Méndez na Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico. Esta visita enmárcase na celebración do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación que promove a Fundación Laboral da Construción, co apoio do Consorcio de Santiago.
Obxectivo do mesmo é dar a coñecer aos alumnos e alumnas as particularidades das obras de rehabilitación de edificios protexidos, con formulacións de sustentabilidade e respecto patrimonial. O curso conta con 30 alumnos/as, na súa maioría arquitectos/as e aparelladores/as, aínda que tamén hai un construtor e unha restauradora.
Os participantes nesta formación solicitaron coñecer in situ o Impulso Verde por ser un edificio referente no ámbito da construción sostible. Durante a xornada tamén visitaron Pemade e as instalacións de Madeiras Besteiro.
Deste xeito, o Concello continúa a fomentar a utilización da madeira como elemento estrutural na construción, eixo tamén da estratexia de diversificación industrial do municipio, que se sustenta en valores medioambientais e que teñen o seu máximo expoñente neste inmoble, o primeiro edificio público construído con madeira de Galicia e un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.
O Impulso Verde cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.