A Área de Xuventude presenta unha completa programación de Samaín con máis de 10 actividades para a mocidade

A celebración terá lugar do 28 de outubro ao 1 de novembro, con obradoiros, concursos e un rastrexo de espíritos polas rúas do centro histórico.

A oferta combina tradición e innovación, cunha participación aberta a toda a veciñanza.

“Cada ano traballamos para ofrecer unha programación atractiva e diversa, que non só achega alternativas de ocio para a mocidade, senón que invita a participar a toda a cidadanía,” subliñou o edil Jorge Bustos.

Mércores, 23 de outubro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Área de Xuventude presenta unha completa programación de Samaín con máis de 10 actividades para a mocidade

O Concello de Lugo presentou hoxe a programación do Samaín 2024, unha das festas máis emblemáticas do outono galego, que desenvolverá a través da Área de Xuventude. O acto, que tivo lugar diante da Casa do Concello, contou coa participación do edil Jorge Bustos.

“O equipo de Xuventude traballa ano tras ano para ofrecer un programa cada vez máis completo, que une a conservación das nosas tradicións coas novas formas de entender o entretemento,” explicou Bustos, destacando que as actividades, dirixidas principalmente á mocidade, están deseñadas para que toda a veciñanza poida desfrutalas.

A programación dará comezo o 28 de outubro coa actividade "Moda arrepiante e caras de medo", un obradoiro de decoración e maquillaxe de disfraces que se celebrará ata o 31 de outubro, na Casa da Xuventude, de 17:00 a 19:00 horas, dirixido á mocidade que queira adentrarse no espírito do Samaín.

O día 30 de outubro terá lugar o Obradoiro Monster Chef na Casa da Xuventude, onde os participantes crearán pratos inspirados no Samaín, de 17:00 a 19:00 horas.

O día central será o 31 de outubro, cando o centro histórico de Lugo se converterá no escenario de múltiples actividades que comezarán ás 19:00 cunha animación polas rúas, baixo o título "Susto, nin truco nin trato". Ás 21:00 celebrarase o Rastrexo dos Espíritos, dirixido a mozas e mozos maiores de 16 anos, que deberán superar desafíos polas rúas da cidade para optar a premios, como entradas a espectáculos e vales de 100 euros. A partir das 22:00 horas, os tambores da Santa Compaña percorrerán o casco histórico, e ás 23:30 terá lugar a Noite de voces fantasmais, cun concurso musical na Praza Maior que tamén entregará premios aos mellores participantes.

Finalmente, o 1 de novembro estará dedicado aos máis pequenos coa celebración do Samaín Infantil na Praza de Abastos. A xornada incluirá un concurso de baleirado e tallado de cabazas, onde os nenos e nenas poderán deixar voar a súa imaxinación decorando as súas propias cabazas. Ademais, haberá xogos tradicionais relacionados coa temática do Samaín, pensados para divertir e ao mesmo tempo achegar aos máis novos á tradición galega. A tarde culminará cun acto purificador, no que se mesturará o simbolismo ancestral desta festividade coa diversión. As actividades desenvolveranse entre as 16:30 e as 20:30 horas, con prazas limitadas, dispoñibles ata esgotar as cabazas.

Ademais, levarase a cabo unha decoración especial en varios puntos da cidade, destacando o palco da Praza Maior, que será engalanado para a ocasión, creando unha atmosfera única para a celebración.

“Queremos que a mocidade de Lugo teña un Samaín especial, con actividades participativas e seguras que lles permitan desfrutar ao máximo desta festa tan singular,” afirmou Jorge Bustos, recordando que todas as propostas son de balde, con inscrición previa dispoñible na páxina web www.xuventudelugo.gal.

Multimedia

  • A Área de Xuventude presenta unha completa programación de Samaín con máis de 10 actividades para a mocidade

Noticias relacionadas