A Área de Xuventude impulsa un novo curso de upcycling textil, reciclaxe e moda circular ao abeiro do programa +Xti

A actividade desenvolverase na Casa da Xuventude entre o 6 de xuño e o 19 de xullo, con dúas quendas semanais e un total de 30 prazas.

Está dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos empadroados ou residentes no municipio de Lugo.

Jorge Bustos subliña que “apostamos por un lecer creativo e transformador, que combina aprendizaxe, conciencia ambiental e autoexpresión”.

Luns, 19 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Área de Xuventude impulsa un novo curso de upcycling textil, reciclaxe e moda circular ao abeiro do programa +Xti

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, activa un novo curso gratuíto dentro do programa +XTi centrado na moda sostible e a reutilización de materiais: o Curso de Upcycling Textil, Reciclaxe e Moda Circular. A proposta está dirixida á mocidade lucense de entre 18 e 35 anos e desenvolverase na Casa da Xuventude entre o 6 de xuño e o 19 de xullo.

“O noso obxectivo é ofrecer alternativas de lecer que estimulen a creatividade e fomenten valores como a sostibilidade, a responsabilidade no consumo e a autoestima a través da expresión persoal”, destacou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos. “Este curso é unha oportunidade para aprender facendo, conectando co presente e coa realidade social e ambiental que nos rodea”.

A actividade estrutúrase en dúas quendas alternativas: unha os venres de tarde (de 16:30 a 20:30 h) e outra os sábados de mañá (de 10:00 a 14:00 h). Cada grupo contará con 15 prazas, sumando un total de 30 persoas participantes. Durante as sesións, aprenderán técnicas básicas de costura, reciclaxe e customización, creando totebags, prendas e complementos a partir de materiais recuperados.

As inscricións estarán abertas entre o 26 de maio e o 4 de xullo a través da web www.lugomasxti.org, na pestana Actividades/Inscricións. A selección farase por orde de inscrición entre as persoas que cumpran os requisitos: ter entre 18 e 35 anos e estar empadroadas ou residir en Lugo. No caso de que queden prazas vacantes, abrirase a posibilidade a persoas doutros perfís.

O curso é completamente gratuíto e non require achegar materiais nin contar con experiencia previa. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 982 297 498.

Audio

  • O edil da Concellería de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o curso de Upcycling Textil, Reciclaxe e Moda Circular | Descargar mp3

Noticias relacionadas