Aprobados definitivamente os Orzamentos

Queda demostrado o “gran traballo do Goberno na busca de consensos con cinco forzas políticas e a gran responsabilidade da oposición” para que Lugo conte cuns presupostos que priorizan as políticas sociais”, subliñou a Alcaldesa

As alegacións foron inadmitidas ou desestimadas, excepto a relativa aos postos non ocupados orzamentados na plantilla e sen reflexo na RPT, que se estimou

Mércores, 18 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aprobados definitivamente os Orzamentos

Os Orzamentos 2016 do Concello de Lugo, dotados con 91 millóns de euros, quedaron aprobados definitivamente no Pleno extraordinario da Corporación celebrado este mércores coa resolución das alegacións presentadas ao documento, que contaron cos votos a favor do Goberno e Lugonovo, a abstención de BNG, Ciudadanos e ACE, e en contra do PP.

A Alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que hoxe concluíu unha tramitación regrada, “non hai nada máis regrado nun concello que o proceso de aprobación dos Orzamentos”, co que quedou demostrado o “gran traballo do Goberno na busca de consensos e acordos con cinco forzas políticas e a gran responsabilidade da oposición” para que Lugo e os lucenses poidan contar cuns presupostos que teñen como pedra angular as políticas sociais, ás que se destinan o 21% do total.

As alegacións resoltas no Pleno de hoxe en base aos informes técnicos de Intervención, Secretaría e Persoal, están relacionadas, por un lado, con Persoal, presentadas por CSIF, Ágora, CC.OO. e UGT, e por outro, coa consignación orzamentaria das expropiacións da Ronda do Carmen.

En canto as relativas a Persoal, foron inadmitidas as formuladas por UGT e CSIF con base aos informes, posto que non se consideran reclamacións ao orzamento, xa que non se axustan aos supostos establecidos como tal pola lexislación.

Foron desestimadas as de Ágora, CC.OO. e UGT en base ás consideracións realizadas nos informes respecto dos postos ocupados e consignados na plantilla presupostaria sen correlativo posto na RPT. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, explicou neste senso que, “aínda asumindo esta disfunción, estes postos hai que dotalos economicamente no orzamento, consignando o crédito necesario para a cobertura das retribucións dos traballadores”.

Foron estimadas as alegacións presentadas por Ágora, UGT e CC.OO. no que se refire aos postos non ocupados orzamentados na plantilla e sen reflexo na RPT, é dicir, aquelas prazas non ocupadas e non amparadas na RPT.

En canto á alegación sobre as expropiacións da Ronda do Carmen, desestimouse porque existe dispoñibilidade de crédito suficiente nos remanentes para afrontalas en canto se inicien.

A Concelleira de Economía recalcou que o Goberno “admitiu as propostas dos grupos de esquerda e tamén as de outras forzas, excepto as do PP, que non quixo participar, e agora complétase coa resolución das alegacions presentadas”.

O Orzamento do Concello de Lugo para este ano ascende a 90.984.675,69€, dos cales o 21% están destinados a Políticas Sociais, en concreto 19 millóns para benestar e 5 para a creación de emprego, dos cales 1,1 se dedicarán a poñer en marcha un plan de emprego municipal. 

Audio

  • Sobre a aprobación definitiva dos Orzamentos 2016|Descargar mp3

Noticias relacionadas