Alumnos do CIFP Politécnico coñecerán in situ o proceso de montaxe do edificio Impulso Verde, referente na construción sostible en España

Este mércores o alumnado dos ciclos de Construción e Proxectos de Edificación do centro lucense visitará as novas instalacións situadas na Garaballa.

Así mesmo, o xoves, celebrarase unha xornada divulgativa sobre o LIFE, na que se abordará a montaxe do inmoble e o desenvolvemento do barrio multiecolóxico.

Martes, 23 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alumnos do CIFP Politécnico coñecerán in situ o proceso de montaxe do edificio Impulso Verde, referente na construción sostible en España

Este mércores, 24 de marzo, os alumnos e alumnas do Ciclo Medio de Construción e do Ciclo Superior de Proxectos de Edificación do CIFP Politécnico de Lugo coñecerán in situ o proceso de montaxe do edificio Impulso Verde, que o Goberno de Lara Méndez está a executar na Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. Esta nova instalación xa é un referente nacional, pois ven de acadar a prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship Council), que garante a súa sustentabilidade, sendo o primeiro proxecto en España e dos primeiros no mundo que logra este recoñecemento.

Deste xeito, os alumnos e alumnas deste centro lucense poderán visitar e coñecer de primeira man a evolución dos traballos de montaxe do inmoble, que xa se atopan moi avanzados. Cómpre subliñar que o Impulso Verde será o primeiro edificio público de Galicia construído integramente con madeira procedente dos montes galegos, concretamente da Mariña Lucense.

Así mesmo, o xoves 25, a partir das 12:00 horas, celebrarase nas instalacións do Politécnico unha xornada divulgativa sobre o proxecto LIFE. Durante a mesma, explicarase ao alumnado o proceso construtivo do edificio, así como o desenvolvemento do novo barrio multiecolóxico, no que se enmarca a edificación. Ambas actividades organizaranse tendo sempre en conta as medidas sanitarias e as restricións vixentes con motivo da pandemia.

O proceso construtivo do edificio Impulso Verde

O Impulso Verde é un edificio con estrutura de paneis de madeira contralaminada e de vigas e alicerces de madeira laminada encolada que se está a levantar na Garaballa, e que supón o primeiro paso para o desenvolvemento do Barrio Multiecolóxico do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. As obras do edificio, que se iniciaron a finais do 2020, teñen un prazo de execución de 15 meses, e estanse a realizar con madeira autóctona, concretamente da Mariña. De uso público e con actividade permanente, a intención é que este edificio acolla servizos municipais e un coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

A construción do edificio está baseada na ensamblaxe de paneis CLT que se van unindo mediante escuadras metálicas e tirafondos. Nun primeiro paso instalouse a estrutura central de madeira laminada no chan e os paneis da planta baixa. Despois, colocáronse os paneis do forxado da primeira planta e os muros e forxados superiores, ata a cuberta. Na actualidade, trala instalación da gridshell, estase a traballar na división e instalación de escaleiras, tabiquería e carpintaría interior, antes de proceder á instalación da cuberta.

O Impulso Verde implicará un aforro de consumo enerxético dun 74 % respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54 % respecto aos de nova construción. No tocante ao CO2, emitirá un 90 % menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións. Trátase un edificio de balance enerxético case cero que será monitorizado unha vez estea construído, para avaliar o seu rendemento e detectar, mesmo se pode producir máis enerxía da que consome.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos

O Barrio Multiecolóxico do LIFE Lugo + Biodinámico

O edificio Impulso Verde formará parte do Barrio Multiecolóxico do LIFE Lugo + Biodinámico, un proxecto do Concello de Lugo que se desenvolverá na Garaballa. Este barrio buscará garantir a inclusión e a equidade social e interxeracional, así como promover a saúde e o benestar mediante o desenvolvemento dunha aldea urbana que aplique solucións medioambientais.

As solucións que se prevén desenvolver no barrio multiecolóxico van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. No deseño das edificacións esixirase a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética, e contará con medidas para a xeración de enerxía renovable, o fomento da mobilidade sostible, o uso de materiais e tecnoloxías limpas e o aforro enerxético, orientando os viais, zonas verdes ou edificios para aproveitar o sol e os ventos dominantes.

Tanto o edificio Impulso Verde como o Barrio Multiecolóxico enmárcanse no proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa LIFE e liderado polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación de Lugo e o labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid.

Noticias relacionadas