Alcaldía equipa á Policía Local cun dron especializado en tarefas de seguridade, control de tráfico e rescate de persoas

O cadricoptero está equipado con sistema de navegación satelital, cámara térmica e cámara gran angular con capacidade para captar imaxe nocturna.

A súa versatilidade permite actuar en eventos multitudinarios ou realizar as inspeccións industriais, medioambientais e urbanísticas, entre outras aplicacións.

A alcaldesa destacou que esta ferramenta incrementará a eficacia policial o que “suporá unha mellora da percepción de seguridade e da calidade de vida da veciñanza”. 

Mércores, 11 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Alcaldía equipa á Policía Local cun dron especializado en tarefas de seguridade, control de tráfico e rescate de persoas

O Executivo de Lara Méndez equipou á Policía Local de Lugo cun dron destinado a completar o labor policial. O novo cadricoptero, cofinanciado cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional a través da estratexia Dusi, está equipado con sistema de navegación satelital, cámara térmica e cámara gran angular con capacidade para captar imaxe nocturna, o que permite diversificar as súas funcións en ámbitos tan diferentes como a seguridade, o labor de control e supervisión ou as tarefas de asistencia e recate. De feito, a súa versatilidade facilitará outros labores policías en eventos multitudinarios, no control do tráfico da cidade e ampliará a precisión das inspeccións industriais e urbanísticas, entre outras aplicacións.

A rexedora comprobou hoxe in situ as prestacións do novo equipamento durante un voo de control sobre o recinto feiral do San Froilán, xa que a asistencia en eventos deste tipo é outras das súas funcións. “Consideramos importante contar cun corpo de policía formado e que dispoña de ferramentas tecnolóxicas que permitan mellorar a súa eficacia. Este proceso de  tecnificación, onde varios axentes contan coa capacitación específica necesaria para operar estes drons, suporá sen dúbida unha mellora da percepción de seguridade na cidade e da calidade de vida da veciñanza, xa que permitirá asistir o traballo policial ata puntos antes inimaxinables”, destacou a alcaldesa.

O aparato conta tamén cunha serie de complementos que permiten especificalo para traballos de rescate de persoas perdidas ou de asistencia en persecucións e fugas. Deste xeito, dispón dun sistema de megafonía que permite transmitir ordes ou recomendacións de seguridade a distancia e un software asistente enfocado a elaboración de estudos sobre tráfico, transito de vehículos e riscos ante aglomeracións multitudinarias. “Esta nova ferramenta abre un amplo abano de posibilidades e sitúa ao corpo de policía á vangarda tecnolóxica”, rematou a alcaldesa.

Multimedia

  • Alcaldía equipa á Policía Local cun dron especializado en tarefas de seguridade, control de tráfico e rescate de persoas

Noticias relacionadas