A Alcaldesa exporá no Foro das Cidades de Madrid como modelo de desenvolvemento sostible o proxecto do Concello Lugo+Biodinámico

Na terceira edición deste encontro internacional, que se celebrará en IFEMA a vindeira semana, participarán outras 74 urbes e máis de 200 poñentes

Lara Méndez ofrecerá unha conferencia no marco dunha sesión sobre boas prácticas en canto a Renaturalización Urbana e Infraestruturas Verdes, na que tomarán parte tamén Valladolid, Vitoria e Barcelona

Venres, 08 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participará na terceira edición do Foro das Cidades de Madrid, un encontro internacional dos axentes implicados na xestión sostible das urbes, no que exporá como modelo de boas prácticas o programa impulsado polo Concello Lugo+Biodinámico, financiado con fondos europeos Life e que ten como obxectivo desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, introducindo mesmo un novo modelo productivo a través do uso da madeira como elemento estrutural de construción.

No Foro das Cidades, que se celebrará en IFEMA entre o mércores e o venres da vindeira semana, participarán outras 74 cidades e máis de 200 poñentes. A Alcaldesa ofrecerá unha conferencia o xoves no marco dunha sesión sobre Renaturalización Urbana e Infraestruturas Verdes, na que tomarán parte tamén Valladolid, Vitoria e Barcelona.

Entre outras actuacións, grazas ao proxecto Lugo+Biodinámico, que conta como socios colaboradores coa Deputación e as universidades de Santiago e Politécnica de Madrid, o Concello está a crear un novo pulmón verde urbano coa plantación de 15.000 árbores de 60 especies distintas en 14 hectáreas de terreos públicos na zona das Gándaras. Ademais, ao abeiro do Lugo+Biodinámico construirá o primeiro edificio público da cidade que se abasteza integramente de enerxía sostible.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o Foro das Cidades de Madrid | Descargar mp3

Noticias relacionadas