A alcaldesa de Lugo supervisa o inicio das obras do edificio Impulso Verde, que marcará un fito no impulso da construción sostible en Galicia

Lara Méndez, acompañada do edil de Urbanismo Sostible e do Deputado de Promoción Económica e Social, visitou os terreos nos que se levanta o primeiro edificio público de Galicia construído con madeira autóctona certificada 100% e a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España

A rexedora lembrou que a actuación permitirá impulsar “o sector forestal utilizando a madeira como elemento construtivo das cidades sostibles e verdes do futuro, que estamos a deseñar desde Lugo”

Será un edificio de balance enerxético cero e emitirá un 90% menos de CO2 que os inmobles de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) absorberá 280 toneladas de emisións

Martes, 03 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo supervisa o inicio das obras do edificio Impulso Verde, que marcará un fito no impulso da construción sostible en Galicia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou este martes, acompañada do edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, o inicio das obras do edificio Impulso Verde, que se levantará na Garaballa. Será o primeiro edificio público da comunidade construído con madeira de Galicia, concretamente da Mariña, e a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España deseñado dende cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias para reducir a contaminación e combater o cambio climático.

As obras, que se enmarcan no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, foron adxudicadas por 1,5 millóns de euros á EGOIN S.A. e contan cun prazo de execución de 15 meses, aínda que a construción da estrutura e os cerramentos do edificio “estrarán levantados entre 3 e 4 meses, a metade de tempo que nun edificio de formigón”, destacou Lara Méndez, que lembrou, ademais, a importancia de que a madeira “sexa de Lugo, concretamente da Mariña, o que permitirá tamén darlle un impulso ao sector forestal utilizando a madeira como elemento construtivo das cidades resilientes e sostibles do futuro, en cuxo deseño estamos traballamos desde o Concello”.

O Impulso Verde é edificio con estrutura de paneis de madeira contralaminada e de vigas e alicerces de madeira laminada encolada.

A estrutura principal componse de muros de madeira contralaminada e unha estrutura central de alicerces inclinados e vigas de madeira laminada e forxados de madeira contralaminada, xerando fachadas acristaladas mediante armazóns de madeira laminada nas fachadas sur e norte. Ademais, a maior parte da cuberta soluciónase mediante unha estrutura de madeira laminada en forma de Gridshell ou reixa, deseñada polo Campus Terra.

Proceso de montaxe

A construción do edificio baséase nunha montaxe de paneis CLT desde un tamaño de 3x3 a 3x13,5 metros. Os paneis en cuestión vanse levantando sobre a laxa de formigón previamente formigonada e vanse unindo entre si mediante escuadras metálicas específicas e tirafondos.

Inicialmente, montarase a estrutura central de madeira laminada no chan e levantarase xunto aos paneis de planta baixa que servirán para o arriostrado lateral da devandita estrutura. A posteriori, colócanse os paneis do forxado da planta primeira e iranse colocando paneis de muros e forxados superiores ata chegar á altura de cuberta.

Neste senso, cómpre sinalar que se irá levantando o bloque central do edificio deixando para o final a zona da escaleira para que as instalacións de ventilación se vaian realizando. Ademais, os paneis de fachada sur tamén se deixarán para o final.

Unha vez levantada a estrutura principal en CLT, procederase á montaxe do armazón de madeira laminada de fachadas sur e, unha vez montado, levantarase para ser situados no seu sitio e despois montar os paneis de  CLT restantes desta fachada.

Unha vez as instalacións de ventilación estean terminadas, montaranse os paneis da zona de escaleira e o armazón de madeira laminada desta fachada, previamente montada no chan, tal e como se expón facelo co armazón da fachada sur.

Por último, procederase á montaxe dos distintos gridshell de cuberta. Neste caso, tamén se prevé montar a xeometría de cada gridshell no chan e levantar cada unha delas ao sitio.

Ao tratarse dun edificio con moita madeira vista no interior do edificio, é moi importante que a impermeabilización exterior e a colocación das carpinterías exteriores se faga de inmediato unha vez finalizado a montaxe da estrutura, que poderá estar lista no prazo dun mes. A continuación, levarase a cabo toda a división interior, tabiquería, carpinterías interiores e, por último, a dotación de mobiliario.

Características do edificio

Este modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Polo que se refire ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións.

En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos. De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.

Este proxecto enmárcase no programa LIFE Lugo + Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea a través de fondos FEDER e liderado polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación de Lugo e a labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é a posta en práctica dunha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións en barrios ou áreas residenciais para conseguir tecidos urbanos adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.

Máis info

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o edificio Impulso Verde| Descargar mp3

Noticias relacionadas