A alcaldesa de Lugo abre o novo centro de servizos sociais e de dinamización social para a veciñanza de O Castiñeiro e Abuín-Abella

Lara Méndez: “Hoxe é un día de gran satisfacción pois abrimos unhas instalacións que serán referentes na cidade e un exemplo da aposta por facilitar espazos de convivencia”.

Nel atenderanse as necesidades dos colectivos vulnerables e disporá de espazos polivalentes para que poidan ser usados para actividades interxeracionais de toda a poboación.

O centro disporá de zonas multifunción con tabiquería móbil, unha sala para actuacións con apertura tamén ao exterior e unha gran pantalla de cine para ampliar a oferta á cidadanía.

O inmoble, construído con madeira e dun consumo enerxético case cero, dá continuidade ao modelo urbano polo que aposta o Concello na loita activa contra o cambio climático.

Actuacións musicais e de danza, a cargo da escola de danza Star Dance, ambientaron o primeiro día de funcionamento do centro, que tamén acolleu un torneo de tute.

Xoves, 23 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa de Lugo abre o novo centro de servizos sociais e de dinamización social para a veciñanza de O Castiñeiro e Abuín-Abella

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada de numerosos veciños e veciñas, inaugurou hoxe o novo centro de servizos sociais interxeracional que o executivo municipal construíu na rúa Aquilino Iglesias Alvariño e cuxas instalacións prestarán servizo a unhas 20.000 persoas dos barrios do O Castiñeiro, Abuín-Abella, Carme, A Cheda e de diversas parroquias do rural. No acto tamén participou a concelleira de Benestar Social, Olga López, e outros membros do Goberno.

A rexedora lembrou que “o obxectivo que nos marcamos foi integrar nun só edificio, moderno e funcional, os locais da zona de benestar social nos que atendemos as necesidades dos colectivos vulnerables, e que quedaron xa pequenos, dándolle continuidade tamén ao propósito que temos de crear espazos e equipamentos polivalentes que nos permitan compatibilizar a dinamización para a terceira idade, con propostas para a xuventude e as crianzas favorecendo, desta forma, a convivencia interxeracional e facilitando a conciliación das familias”.

Méndez destacou que “hoxe é un día de gran satisfacción, pois abrimos á cidadanía unhas instalacións que serán referentes na cidade e un claro exemplo da nosa aposta por facilitar á veciñanza novos espazos de convivencia e socialización nunha zonas onde son moi demandas e  unha necesidade que se viu reforzada, se cabe, trala pandemia”, subliñou Lara Méndez.

A alcaldesa realizou un percorrido polo edificio explicando as dotacións do inmoble, de dúas plantas e un soto, que funcionarán de xeito independente. De maneira que a planta baixa, que terá unha distribución flexible, albergará actividades recreativas e formativas, coas que facilitar a convivencia de todo tipo de persoas usuarias, mentres que a planta superior se destinará a tarefas de traballo social.

Pola súa banda, Olga López destacou que o centro ofrecerá asesoramento á poboación e atención na tramitación das axudas sociais pero tamén se impartirá formación e cursos e se ofrecerá programación recreativa ou de ocio como o baile, teatro, espectáculos, xogos, etcétera.

En canto aos recursos humanos, contará cun equipo interdisciplinar constituído por traballadores/as sociais, educadores/as, animadores/as, auxiliares e conserxería.

“Estamos seguros de que este proxecto contribuirá, no seu conxunto, a revitalizar toda a zona a través do apoio social e da mellora das prestacións aos colectivos máis vulnerables e á poboación en xeral, cunha nova imaxe de modernidade, innovación e mellora estética, ao tempo que seguimos apostando pola sostibilidade”, engadiu López Racamonde.

O novo Centro Social de Lamas de Prado supuxo un investimento de 1,2 millóns de euros. Este proxecto está enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, que contempla entre os seus obxectivos o desenvolvemento de accións para fomentar a inserción laboral e reducir o risco de exclusión.

No día da súa apertura, o novo centro social acolleu unha actuación musical e de danza, cunha masterclass a cargo da escola Star Dance, así como un torneo de tute. Tamén houbo aperitivos para os asistentes que puideron coñecer in situ as novas dotacións, modernas e polivalentes.

Construción con criterios de sostibilidade

A este respecto, Méndez recordou que o inmoble, asentado nunha parcela municipal de 886 m² que linda coa rúa Aquilino Iglesia e a Fábrica da Abella, foi deseñado segundo criterios de aforro enerxético.

Alén de que o seu consumo de enerxía primaria será un 40% menor respecto ás construcións convencionais, a instalación disporá de 65 paneis fotovoltaicos e na zona sur contará ademais cun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior, que gozará de altas prestacións en illamento e hermeticidade, próximas ao estándar Passivhaus.

Ofrecerá unha ampla zona verde ao seu redor, para separalo do tráfico rodado e gañar en versatilidade á hora de organizar eventos e, finalmente, contará con diferentes prazas de recarga eléctrica, dentro do aparcadoiro.

Distribución do espazo

Zona Espazos Servidores (Planta Soto):

Esta zona albergará os aseos, que dan servizo aos espazos principais da planta baixa, o cuarto de instalacións e o almacén xeral.

Zona Recreativa / Formativa (Planta Baixa):

A planta baixa terá unha distribución flexible, é dicir, empregarase tabiquería móbil, o que permitirá adaptar a distribución das particións interiores aos usos e actividades que se vaian a desenvolver en cada momento. Nesta planta situarase o vestíbulo principal, unha zona de información e conserxería, así como unha zona polivalente que se poderá utilizar como salón de actos para 150 persoas, ludoteca, sala de conferencias, sala de lectura, sala de xogos, sala de ximnasia ou de baile.  

Así mesmo, a planta baixa incorporará na fachada oeste unha apertura que permitirá “invertir” o sentido de funcionamento da zona expositiva do centro, e crear un espazo público no que sexa posible desenvolver actuacións exteriores, gozando da comodidade e medios que achegan a utilización do escenario e instalacións do centro. Os laterais da planta baixa contarán, así mesmo, con grandes fiestras para permitir a relación co espazo exterior e introducir a maior cantidade posible de luz nas estancias. Incorpórase ademais unha gran pantalla de cine.

Zona Traballo Social (Planta Primeira):

A planta superior organízase en franxas de sentido lonxitudinal ao longo do edificio. Albergará a zona de traballo social e contará con: unha zona de información, 7 despachos, dúas zonas de espera, un arquivo e aseos.

Multimedia

  • A Alcaldesa de Lugo abre o novo centro de servizos sociais e de dinamización social para a veciñanza de O Castiñeiro e Abuín-Abella
  • A Alcaldesa de Lugo abre o novo centro de servizos sociais e de dinamización social para a veciñanza de O Castiñeiro e Abuín-Abella

Noticias relacionadas