A alcaldesa dá conta dos avances acadados pola Confederación e o Concello no Plan Paradai e anuncia que solicitará á Xunta a súa finalización e o arranxo integral de Serra de Meira

Lara Méndez e José Antonio Quiroga trasladaron á veciñanza que despois do verán se licitarán os traballos para atallar posibles situacións de inundación no Rato.

A CHMS asumiu a expropiación dos terreos necesarios para axilizar as tarefas ante a necesidade de finalizar un Plan que leva inconcluso máis de dúas décadas.

A actuación reverterá os problemas derivados da obra realizada pola Consellería de Medio Ambiente en 2015 sen a preceptiva autorización e que a CHMS paralizou ao non ser legalizable.

O grupo do PSOE levará ao Pleno de marzo unha proposta para que a Xunta remate o proxecto do que pareceu desistir porque, segundo afirmou no verán a candidata do PP, non daba réditos políticos.

O Executivo de Lara Méndez pedirá tamén a Administración autonómica que, namentres, arranxe de forma integral a rúa Serra de Meira.

Martes, 21 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa dá conta dos avances acadados pola Confederación e o Concello no Plan Paradai e anuncia que solicitará á Xunta a súa finalización e o arranxo integral de Serra de Meira

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, José Antonio Quiroga, acompañados polo voceiro municipal Miguel Fernández, mantiveron hoxe un encontro coa veciñanza do Sagrado Corazón e Paradai para trasladarlles os avances que experimentou a execución do Convenio que ambas as dúas entidades asinaron en 2021, cun investimento conxunto de 710.000 euros, para impulsar a conclusión do Plan urbanístico que afecta a esta parte da capital.

Así, a rexedora sinalou que, logo de que a CHMS asumise a expropiación dos terreos necesarios (5 leiras dunha superficie total de 1.335’99 m² - dos que 329’88 m² se afectarán de forma permanente mentres que os 867’61 m² restantes se ocuparán de xeito temporal – e cuxa valoración económica alcanza un importe estimado de 25.461 €) para a realización das obras coas que se atallará o risco de inundación do Rato, o proxecto de intervención se atopa xa en exposición pública coa vontade de que poida ser licitado despois do verán.

A este respecto, dende o Órgano da Cunca indicaron que os traballos consistirán na limpeza, adecuación e ampliación do leito nunha anchura aproximadamente de 2 metrosco fin de aumentar a súa capacidade de desaugadoiro nun tramo de 165 metros, augas arriba do emboque do soterramento do río Rato ao seu paso pola glorieta da rúa Serra Meira.

“A ampliación se levará a cabo mediante a demolición do muro actualmente existente na marxe dereita do río, desmontando previamente a cachotería que o recubre que será reutilizada para a execución dun novo tramo de muro desprazado 2 metroscon relación á posición do actual”, abondou José Antonio Quiroga.

Ademais, como consecuencia da ampliación do leito, deberán de restituírse os servizos afectados polas obras, como a rede de baixa tensión e iluminación pública, rede de media tensión, rede de telecomunicacións e drenaxes.

“Con estas actuacións erradicaranse os problemas provocados pola obra executada en 2015 pola Consellería de Medio Ambiente sen a preceptiva autorización, e que este Organismo de conca paralizou ao non ser legalizable”, incidiu Quiroga.

“Estas obras alteraron o comportamento e extensión da chaira de inundación do río Rato, nas zonas adxacentes á glorieta de Serra de Meira, provocando, mesmo para a avenida de 10 anos de período de retorno, un maior risco de inundación das vivendas alí existentes con respecto á situación anterior. Un agravio que agora dende a Confederación e o Concello imos reverter con estes traballos”, sostivo o presidente da Confederación Hidrográfica.

Neste sentido Lara Méndez quixo destacar o calado medioambiental da intervención, que fornecerá a protección e conservación do río, alén do seu coidado. Un labor que terá continuidade a través doutras accións que está previsto desenvolver proximamente na zona para poñer en valor, renaturalizar e acondicionar a contorna fluvial nesta parte da cidade.

O Concello solicitará á Xunta que cumpra os seu compromisos con Lugo

Lara Méndez explicou tamén, durante a xuntanza veciñal, que o Executivo local buscará no Pleno deste mes de marzo o apoio de toda a Corporación para facerlle chegar á Xunta de Galicia a necesidade de respectar o seu compromiso e finalizar o Plan Paradai, logo de 24 anos de percorrido administrativo, “xa que ámbolos dous procedementos son compatibles e poden ser simultáneos”.

“Queremos que o Goberno autonómico remate, despois de décadas de bloqueo, un proxecto que resulta crucial para o desenvolvemento urbanístico da cidade rematando, así, con outra das débedas históricas que mantén con Lugo”.

Méndez lembrou que o Plan Paradai naceu en 1999 ao abeiro dun convenio entre a Consellería de Política Territorial, a Deputación Provincial e o Concello co obxectivo, entre outros, de unir o Lugo separado pola vía do tren e humanizar a contorna da estación con novos viais e aparcamentos, “xa que se trata dunha ordenación imprescindible que Lugo necesita con urxencia”.

A mandataria lucense botou man da hemeroteca para aludir ao feito de que “nos últimos anos o único compromiso real e efectivo da Xunta co Plan Paradai quedara circunscrito á inclusión nos orzamentos autonómicos dunha partida anual que ronda o medio millón de euros e que exercicio, tras exercicio, se vén repetindo porque nunca se chega a executar”, lamentou a alcaldesa.

Lara Méndez fixo fincapé, precisamente, en que os únicos pasos dados até a data para desatascar a situación de ancoraxe que sofre esta cuestión, “foron os realizados por este Concello da man da Confederación Hidrográfica”.

“Porén, no mes de agosto, asistimos con estupor ás declaracións realizadas pola candidata do Partido Popular anunciando que o Plan no era prioritario para a Xunta de Galicia e que ía desistir del porque con esa actuación non obtiña réditos políticos”.

Unha marcha atrás que, se ben, para Méndez xa clarifica os verdadeiros motivos polos que nunca chegou a investirse a consignación reservada nos orzamentos autonómicos ao efecto, “a este Goberno local preocupa profundamente ante o gravísimo prexuízo que esa decisión tería non só para a veciñanza da zona senón tamén para todo o municipio”.

“Non podemos esquecer que o Plan Paradai é, sen dúbida, unha ferramenta estratéxica para a nosa urbe, no que ten que ver coa reordenación e dinamización dos tráficos do norte de Lugo que suporá unha mellora cualitativa na conexión entre as Gándaras e o Sagrado Corazón co resto da cidade e fará máis fácil, como é o noso obxectivo, a vida da veciñanza da contorna que sofre, dende hai moitos anos, o efecto barreira que provoca a vía do ferrocarril”, ao tempo que aludiu á mellora que, neste sentido, propiciará a creación, ao abeiro da construción da Estación Intermodal, do paso de cidade que comunicará os dous barrios, e que será financiado polo Concello e o Adif, ante a negativa da Xunta a cofinanciar estas obras.

Pola súa parte, o tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández avanzou, que o Concello tamén pedirá á Xunta de Galicia o arranxo integral da rúa Serra de Meira.

“Estamos a falar dunha estrada que soporta un tráfico moi elevado e que, debido a iso e á falta de mantemento da que adoece dende hai moitos anos, se encontra tan deteriorada que compromete a seguridade da circulación, de xeito que solicitaremos ao ente autonómico que, mentres aborda o proxecto para rematar o Plan Paradai, acometa namentres o arranxo desta vía tanto no que ten que ver coa súa pavimentación como co saneamento”, referiu Fernández.

Durante o encontro, os dirixentes lucenses aproveitaron para escoitar as inquedanzas das e dos residentes e para repasar algunhas das actuacións coas que se mellorou a contorna nos últimos meses como a creación dunha área de descanso na confluencia de Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaveiro ou o arranxo do gran banco de 14 metros de lonxitude situado na parte inferior desta praza, ao igual que avanzaron a rexeneración prevista para este ano do parque infantil do Sagrado Corazón e a construción dun novo enclave para o ocio e a convivencia interxeracional en Paradai que incluirá unha zona de xogos.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o avance do Plan Paradai | Descargar mp3
  • O presidente da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, José Antonio Quiroga, sobre o avance do Plan Paradai | Descargar mp3

Noticias relacionadas