A Alcaldesa anuncia que o acceso ao aparcamento do Seminario será libre polas tardes e as fins de semana a partir de mañá

“Poñemos a disposición da cidadanía 80 novas prazas gratis no centro de Lugo, que fan 800 coas dos aparcamentos disuasorios, o párking do HULA e o repintado da rúa que circunda o hospital”

O público en xeral poderá aparcar no Centro de Servizos Municipais de 15:30 a 22:00 horas, de luns a venres, e de 10:00 a 00:00, os sábados e domingos. No horario restante, estará reservado para o persoal municipal autorizado

Con esta medida “avanzamos no noso modelo de cidade, máis humana e accesible, como coas zonas a 30, peonalizacións, máis prazas de aparcamento gratuíto, máis carrís bicis, a reordenación das liñas de bus ou un novo modelo de acceso e mobilidade no casco histórico”

Xoves, 28 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa anuncia que o acceso ao aparcamento do Seminario será libre polas tardes e as fins de semana a partir de mañá

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e os Concelleiros de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, e Benestar Social, Ana González Abelleira, anunciou que o aparcadoiro do antigo Seminario abrirá a partir de mañá venres para toda a cidadanía polas tardes en días laborables e as fins de semana. Deste xeito, “poñemos a disposición dos cidadáns 80 novas prazas gratis no centro de Lugo, que fan un total de 800 coas dos aparcamentos disuasorios  (203), o párking enfronte ao HULA (363) e o repintado das prazas da rúa que circunda o hospital (150).

O horario de apertura ao público en xeral do estacionamento do Centro de Servizos Municipais, isto é, o edificio administrativo do Concello, será entre as 15:30 e as 22:00, de luns a venres, e de 10:00 a 00:00, os sábados e domingos. Nos restantes horarios, só poderán acceder vehículos de persoal municipal, autorizados con tarxeta. A zona dos soportais do aparcadoiro estará reservada de 7:30 a 15:30 para os membros da Corporación local e de 15:30 a 7:30 para vehículos autorizados con tarxeta.

Sistema de acceso

Antes de levar a cabo esta medida, o Concello procedeu ao repintado da sinalización das prazas e á instalación dun sistema que permite que a porta de entrada estea aberta de maneira permanente durante os días e o horario nos que o acceso é libre. Deste xeito, polas mañás, en días e horario laborais, a porta abrirá co mando do que dispón o persoal municipal, e polas tardes, fins de semana e festivos, estará aberta de maneira permanente. Así mesmo, renováronse as tarxetas de autorización de estacionamento do persoal do Concello para identificar aos usuarios.

Esta medida responde ao “modelo de cidade e á estratexia de mobilidade que temos deseñada, con medidas complementarias e interconectadas que segundo vamos implantando cobran sentido”, explicou a Alcaldesa, aludindo, como exemplo, ás zonas 30 con convivencia de bicicleta, as peonalizacións de Quiroga Ballesteros e A Milagrosa, a humanización da avenida Infanta Elena, a reordenación das liñas de bus, a creación de máis carrís bici, a ampliación das prazas dos aparcadoiros subterráneos, a propia apertura á cidadanía do aparcamento do Seminario as tardes dos días laborais  e as fins de semana, os aparcadoiros disuasorios, o párking do HULA ou o novo modelo de acceso e mobilidade do casco histórico. Todo co obxectivo de diminuír o uso do vehículo privado, o que contribuirá a “mellorar a calidade de vida e a comodidade dos lucenses ao reducir a contaminación, tanto ambiental como acústica”.

Audio

  • A alcadesa Lara Méndez, sobre o aparcadoiro do antigo Seminario | Descargar mp3

Noticias relacionadas