A Alcaldesa aborda coa Policía Local medidas para garantir a mobilidade e fluidez circulatoria durante a suspensión da ORA

Confirma que se está ultimando o borrador da nova ordenanza de aparcamentos e que en setembro se reunirá co tecido asociativo

Venres, 28 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa aborda coa Policía Local medidas para garantir a mobilidade e fluidez circulatoria durante a suspensión da ORA

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo na mañá deste venres unha reunión de traballo con mandos da Policía Local, un encontro enmarcado nas xestións que está a desenvolver a rexedora co fin de garantir a mobilidade circulatoria, a fluidez do tráfico e a seguridade cidadá durante a suspensión provisional da ORA e ante o previsible aumento de vehículos coa entrada do mes de setembro. No encontro abordáronse diferentes medidas para previr posibles picos de densidade de vehículos, fundamentalmente na zona centro de Lugo e en horarios determinados, como pode ser á entrada e saída dos centros de ensinanza.

A rexedora lembrou que a decisión de suspender temporalmente o servizo de xestión de aparcamentos na vía pública ata a nova adxudicación é froito dunha avaliación en profundidade dos distintos escenarios factibles para acatar a sentencia que anula o concurso do 2009, e que a medida está avalada tecnicamente por tres informes favorables, un xurídico, outro de Enxeñería e o terceiro precisamente de Tráfico.

Lara Méndez confirmou que o borrador da nova ordenanza reguladora dos aparcamentos está ultimándose, e que en setembro se reunirá co tecido asociativo para presentarlle o documento e escoitar propostas. O prazo inicialmente fixado para implantar a nova ORA é ata o primeiro trimestre de 2016, aínda que se tratará de axilizar no posible.

A Alcaldesa reiterou que a eliminación da ORA é transitoria. “Non pensamos nunca nunha supresión definitiva. Entendemos que a regulación dos aparcamentos en superficie é unha medida de aplicación xeneralizada en España e Europa, necesaria para facer máis humanas as cidades, para favorecer a mobilidade e para regular o tráfico”, subliñou.

Noticias relacionadas