Adxudicada a redacción dos proxectos básico e construtivo da Estación Intermodal

Xoves, 28 de abril de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

López Orozco tamén salientou que o proxecto Ponte Bela que gañou o concurso acaba coa barreira que supón a vía do tren

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou hoxe na reunión do xurado do concurso para a redacción do proxecto básico e construtivo da nova Estación Intermodal, que incorará a Lugo á rede ferroviaria de alta velocidade.

O proxecto gañador “Ponte Bela”, é obra da ute formada por Eptisa Servicios de Ingeniería-Junquera Arquitectos-Calter Ingeniería que fixo unha oferta económica de 627.305,49 euros.

“Hoxe deuse un paso máis para a chegada do AVE a Lugo”, declarou o Alcalde que dixo sentirse “como un neno con estación nova”.

O Alcalde destacou tamén que “hoxe culmina a primeira parte do convenio de colaboración que asinamos no mes de agosto” e agradeceu o labor feito por todas as administracións e polos membros do xurado do concurso de ideas que convocou Adif.

López Orozco salientou especialmente o papel que xogou o Ministro de Fomento, José Blanco, “que se volcou desde o primeiro momento e cumpriu con Lugo dun xeito inusual”.

Tocante ó proxecto “Ponte Bela”, o Alcalde destacou que esta proposta supón acabar coa barreira física que supón na actualidade a vía do tren co que se coexiona a cidade e ademais “vai revitalizar os barrios da Estación, Sagrado Corazón e As Gándaras”.

Pola súa parte, o Presidente de Adif, Antonio González Marín, manifestou que a adxudicación do proxecto da Estación intermodal supón “constatar o compromiso coa chegada da alta velocidade a Lugo e a Galicia por parte do Ministerio de Fomento e do Goberno”.

Para Antonio González, a nova Estación Intermodal “vai ser unha digna porta de entrada a unha cidade Patrimonio Mundial”. Cualificou de “magnífico” o proxecto seleccionado e dixo que a nova Estación será “un monumento de referencia e converterase nun foco de atracción da cidade e daralle unha imaxe moderna”. Indicou ademais que “o que no seu tempo separou o ferrocarril únese con esta estación”.

Máis información:

 

Multimedia

Noticias relacionadas