Lara Méndez avanzou entre outras cuestións aos veciños e veciñas que o Plan de Barrios incluído no Orzamento deste ano contempla a mellora do acceso e o entorno da igrexa
Os presupostos prevén 250.000€ para a construción do ascensor, co que o Goberno cumprirá unha demanda histórica do barrio
Despois de Semana Santa comezarán as obras de renovación do pavimento e os servizos das rúas Fonmiñá e Piñeiral, de preto de 100.000€
- Tema
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e os Concelleiros de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, mantivo este mércores un encontro cos veciños e veciñas do Sagrado Corazón durante o que fixo unha visita polo barrio na que escoitou as súas demandas, necesidades e inquietudes, e lles explicou as actuacións de mellora de servizos que levará a cabo na zona o Concello nos vindeiros meses.
Entre outras cuestións, a rexedora avanzoulles aos participantes no percorrido que a través do Plan de Barrios contemplado no Orzamento deste 2018 o Concello acometerá o aglomerado do acceso e o entorno da igrexa do Sagrado Corazón. Os presupostos deste ano tamén contemplan unha vella reivindicación veciñal como é o ascensor, con 250.000€ de investimento, e para o cal o Goberno está ultimando os trámites urbanísticos preceptivos co fin de poder dispoñer dos terreos necesarios para facer a instalación, que mellorará substancialmente a mobilidade na zona.
Asimesmo, despois de Semana Santa comezará a renovación do pavimento e dos servizos nas rúas Fonmiñá e Piñeiral, cun orzamento de preto de 100.000 euros procedentes do Plan Único provincial.
O Concello tamén puxo a disposición da Xunta 10.000 metros cadrados de terreo para que agora constrúa un novo colexio público no barrio, outra das demandas históricas da veciñanza.
A Alcaldesa enmarcou este encontro na súa vontade política de manter un contacto directo coa veciñanza para coñecer as súas necesidades, tomándolle deste xeito o pulso á situación dos barrios e do conxunto da cidade de primeira man, e tamén para explicarlle á cidadanía as próximas actuacións do Goberno, sobre todo a través dos Orzamentos deste 2018, os máis investidores da última década, que se aprobarán definitivamente tras a resolución das alegacións.