Control da actividade de aparcacoches (gorrillas)
Durante a mañá do venres 13, a Sala do 092 recibe queixas sobre a actividade de gorrillas nas inmediacións do HULA, polo que comisiona no lugar un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio. Os axentes observan a presenza de dous individuos que, desde a calzada, realizan sinais aos vehículos para indicar zonas libres de estacionamento, creando un risco para a súa integridade física e para a seguridade viaria, motivo polo cal son denunciados e advertidos de que deben cesar en tal actividade. Pasados vinte minutos, os axentes realizan unha nova rolda polo lugar, comprobando que os mesmos suxeitos continuaban exercendo a actividade descrita, polo que se lles advirte novamente. Transcorrida media hora, os axentes vense na obriga de denunciar a ambos os individuos por unha presunta infracción da Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por desobediencia aos axentes da autoridade, tras o cal ausentáronse do lugar.
Rescate de cachorro
Durante a tarde do mesmo venres, a Sala do 092 recibe información sobre o rescate dun cachorro de can na zona da Rolda das Fontiñas, no Parque dos Paxariños. Comisionase no lugar un indicativo de Policía de Barrio, que observa como dúas persoas buscan entre a maleza, intentando rescatar un cachorro de can, de apenas un mes de idade. Finalmente conséguese recuperar o animal, comprobando que non presenta microchip de identificación, polo que se fai cargo do mesmo o servizo de lazoira.
Presunto delito de violencia doméstica
Sobre as 22’30 horas do venres, a Sala do 092 comisiona varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno nunha vivenda do sur da cidade, xa que recibiu aviso dunha muller que di ter sido agredida pola súa filla. Os axentes persónanse de inmediato no lugar e atopan a requirente no portal, manifestando que, tras unha discusión, fora agredida pola súa filla, situación que se repetira en varias ocasións. Outro indicativo contacta coa filla, que permanecía no domicilio, declarando que, tras discutir, a súa nai lle propinara un golpe no nariz, polo que ela a suxeita e a sacode ata que abandona a vivenda. Os axentes proceden á detención de ambas mulleres, que son trasladadas a un centro sanitario, para a expedición dun parte facultativo e posteriormente a dependencias policiais, para a tramitación das oportunas dilixencias.
Control de establecementos
Sendo as 4’05 horas do sábado, a Sala do 092 recibe información sobre unha pelexa multitudinaria en Camiño Real, inmediacións da súa confluencia con Curros Enríquez, polo que se envían ao lugar varios indicativos do Grupo Operativo Nocturno. Os axentes non se ven obrigados a actuar na pelexa en cuestión, pero si observan que un local próximo, con licenza de café bar, permanece aberto, exercendo actividade, superando amplamente o límite de horario de peche, polo que é denunciado por unha presunta infracción da Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia.
Sobre as 4’30 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno acode ao requirimento dunha muller que di ter sido agredida nun local de lecer nocturno do centro da cidade. Os axentes contactan coa requirente, que manifesta que, cando se atopaba no interior do local coas súas amigas, comezou a recibir empurróns dun home ata que a sacou do local, queixándose de molestias nun brazo, unha perna e as costas. O titular do establecemento di ter expulsado á muller polo comportamento que mantiña dentro do local, pero nega ter exercido ningún tipo de violencia. A muller trasládase a un centro sanitario, para un exame facultativo e manifesta que posteriormente formalizará denuncia polos feitos.
Sobre as 00’05 horas do luns, cando un indicativo do Grupo Operativo Nocturno realizaba patrulla preventiva pola rúa Clérigos, foron requiridos porque ocorrera unha agresión. Unha muller, en evidente estado de alteración, di ter sido agredida por un varón, presente nas inmediacións. O home e o seu acompañante din ter sido agredidos, sen contacto previo, por parte da muller. Todos os implicados son identificados e informados do procedemento a seguir para formalizar denuncia polo ocorrido, indicando todos eles que non necesitan asistencia médica.

