A exposición "Botamos un baile?" chega a Lugo para reivindicar un século de historia das orquestras de verbena en Galicia

A mostra, instalada no fondo da Praza Maior, ocupa un espazo que durante anos acolleu as verbenas da cidade

Martes, 14 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A exposición "Botamos un baile?" chega a Lugo para reivindicar un século de historia das orquestras de verbena en Galicia

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou esta mañá na inauguración da exposición itinerante "Botamos un baile?", organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, unha mostra que realiza un percorrido pola historia das orquestras de verbena en Galicia entre os anos 1919 e 2019.

A exposición está instalada no fondo da Praza Maior, un emprazamento especialmente simbólico, xa que durante anos foi escenario das verbenas que formaron parte da memoria colectiva de varias xeracións de lucenses.

A través de fotografías, programas de festas, discos, carteis e outros documentos conservados na Biblioteca de Galicia, a mostra permite descubrir a evolución das orquestras e das verbenas populares, unha das manifestacións culturais e festivas máis representativas de Galicia ao longo do último século.

Durante a inauguración, Elena Candia destacou a importancia de achegar este tipo de iniciativas á cidadanía, ao permitir coñecer e poñer en valor unha parte esencial do patrimonio cultural galego.

A exposición forma parte do programa de itinerancias promovido pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia no marco do seu Plan Estratéxico 2021-2027, co obxectivo de facilitar o acceso á cultura e ao patrimonio galego en diferentes localidades.

Na inauguración participaron tamén os concelleiros Agustín Gallego, de Turismo e Museos, e Javier Vázquez, de Cultura e Educación, xunto coa directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, a directora de Acción Cultural, Verónica Santos Farto, a xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia, Noelia Bascuas Ferreiro, e os comisarios da exposición, Zósimo López Pena e Elena Díaz del Río López.

Multimedia

  • A exposición "Botamos un baile?" chega a Lugo para reivindicar un século de historia das orquestras de verbena en Galicia

Noticias relacionadas