Ferreiro destacou este colectivo como "unha das maiores agrupacións artísticas de Lugo".
Ruando une a 40 fotógrafos e fotógrafas de Lugo.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, mantivo unha xuntanza con integrantes do colectivo Ruando, a agrupación de fotógrafos e fotógrafas lucenses, tanto afeccionados como profesionais, que traballan a fotografía de rúa. Maite Ferreiro afirmou que esta é "unha das maiores agrupacións artísticas de Lugo", e convidou a todas e todos os integrantes "a seguir descubrindo a cidade a través da fotografía".
Maite Ferreiro escoitou as propostas do Colectivo Ruando e afirmou que "seguiremos a colaborar con este colectivo, xunto con todo o tecido artístico local, facendo das instalacións museísticas de Lugo un espazo para amosar a arte da nosa cidade". Ferreiro destacou que o pasado ano, o Colectivo Ruando tivo no Vello Cárcere a exposición "A Rúa como espello: unha ollada á alma urbana", 40 fotografías contemporáneas tomadas polos membros do colectivo Ruando.
O Colectivo Ruando é unha comunidade de fotógrafas e fotógrafos afeccionados e profesionais interesados na fotografía de rúa, cuxo único fin é didáctico, sen ánimo de lucro, e coa misión de facilitar as ferramentas necesarias para o aprendizaxe deste xénero fotográfico. É un espazo de socialización para compartir fotografías rueiras e experiencias relacionadas coa fotografía de rúa.
A fotografía de rúa é un xénero da fotografía documental que captura momentos espontáneos en espazos públicos. Non hai actores, non hai guión, non hai montaxe. Só a vida tal como é: crúa, auténtica e ás veces sorprendentemente poética.
Este tipo de fotografía vai máis alá da técnica. É un exercicio de observación, intuición e respecto. É saber mirar onde outros non ven, anticiparse ao que está a piques de ocorrer e conxelar ese instante irrepetible.


