A actividade desenvolverase na Casa da Xuventude entre o 19 de xuño e o 22 de xullo, con 10 sesións prácticas e 20 prazas dispoñibles.
Está dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos empadroados ou residentes no municipio de Lugo.
Jorge Bustos destaca que “responde a unha demanda real dunha mocidade cada vez máis comprometida coa mobilidade sostible”.
- Tema

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, activa un novo curso gratuíto dentro do programa +XTi centrado na aprendizaxe práctica e a mobilidade urbana: o Curso básico de reparación de bicicletas eléctricas e vehículos de mobilidade persoal (VMP).
A actividade terá lugar na Casa da Xuventude os martes e xoves entre o 19 de xuño e o 22 de xullo, en horario de 16:30 a 20:30 horas, cun total de 40 horas formativas distribuídas en 10 sesións. Está destinada a persoas de entre 16 e 35 anos empadroadas ou residentes en Lugo, con prazas limitadas a 20 participantes.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, sinalou que “apostamos por unha formación útil e con saída, conectada coa realidade do día a día e coa necesidade de facer de Lugo unha cidade máis sostible e accesible para a mocidade”. Engadiu que “o curso de reparación de eBikes e VMP é unha resposta directa ao interese crecente polo uso de vehículos alternativos e ao compromiso ambiental da xente nova”.
Bustos destacou tamén que “desde +XTi estamos a desenvolver unha programación diversa, que abrangue dende o lecer creativo ata a reflexión sobre saúde mental ou o impulso de competencias prácticas”. Segundo explicou, “o obxectivo é que todas as persoas mozas atopen no programa propostas que conecten cos seus intereses, con contidos actuais e útiles para a súa vida diaria”.
As persoas interesadas poden inscribirse entre o 6 e o 16 de xuño a través da web www.lugomasxti.org, na pestana Actividades/Inscricións. A selección farase por orde de inscrición entre as persoas que cumpran os requisitos establecidos. No caso de participantes menores de idade, deberán achegar autorización.
O curso é completamente gratuíto e non require experiencia previa. Durante as sesións abordaranse aspectos básicos de mantemento, reparación e posta a punto de bicicletas eléctricas e outros dispositivos de mobilidade persoal, como patinetes eléctricos.
Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 982 297 498.

