O Executivo de Paula Alvarellos regulará a conservación e rehabilitación de edificios a través dunha nova Ordenanza

Dentro do traballo de redacción desta normativa, o Concello abrirá nos próximos días un proceso participativo para recoller achegas cidadás e do tecido empresarial e asociativo.

“Introducíronse cambios a nivel supramunicipal, polo que é conveniente actualizar as normas que regulan este aspecto. O obxectivo final é  mellorar a imaxe urbana e incrementar a protección sobre o noso patrimonio arquitectónico”, sinalou a alcaldesa.

Nos últimos 3 anos a área de Urbanismo iniciou 450 expedientes por deficiencias na conservación de inmobles, impuxo 52 multas coercitivas por incumprir ordes de execución de obras e declarou 23 expedientes de ruína.

Venres, 29 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos regulará a conservación e rehabilitación de edificios a través dunha nova Ordenanza

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Urbanismo, traballa no desenvolvemento dunha nova Ordenanza para regular a conservación e rehabilitación de edificacións. O obxectivo desta norma é unificar nunha soa ordenanza todos aqueles aspectos que rexen o deber de conservar e rehabilitar inmobles, algo que ademais permitirá gañar axilidade na tramitación administrativa e simplificar os procedementos. “Nos últimos anos introducíronse cambios a nivel supramunicipal, polo que é conveniente actualizar a nosa normativa. O obxectivo final é  mellorar a imaxe urbana e incrementar a protección do patrimonio arquitectónico. Así incrementaremos a capacidade da Administración local para velar pola seguridade e o ornato público”, sinalou a alcaldesa en relación a este asunto.

Dentro do traballo de redacción desta nova normativa, o Concello abrirá nos próximos días un proceso participativo para recoller achegas cidadás e do tecido empresarial e asociativo que poderán ser introducidas no borrador final segundo a consideración dos técnicos municipais sobre a viabilidade das propostas. Así, a veciñanza e as organizacións representativas potencialmente afectadas por esta nova norma poderán facer chegar as súas suxestións mediante un formulario tipo que estará dispoñible no portal web municipal.

“Para o noso Goberno a conservación urbana ten un valor fundamental. Lugo é un municipio repleto de patrimonio arquitectónico que debemos potenciar, ao mesmo tempo conta cun parque de vivendas relativamente antigo nalgunhas zonas cuxa conservación ou rehabilitación mellorará sensiblemente a calidade de vida da cidadanía evitando ademais a posible proliferación de zonas degradadas”, sinalou Alvarellos, quen destacou o importante labor que se está facendo desde a área de Urbanismo para, precisamente, evitar esa posible degradación de espazos urbanos. De feito, nos últimos 3 anos, o Concello iniciou 450 expedientes por deficiencias na conservación de edificacións, impuxo 52 multas coercitivas por incumprir ordes de execución de obras e declarou 23 expedientes de ruína.

Noticias relacionadas