Preguntas frecuentes sobre a Banda Municipal de Música

140 anos de historia ligada á cidade de Lugo. Cando naceu, quen a dirixiu, que músicos forman parte dela; toda a información sobre a Banda municipal.

Cal é a historia da Banda Municipal de Música?

A Banda de Música de Lugo é creada, aproximadamente, en 1869 por un padroado privado que a xestiona. Suponse que existía antes desa data, pero non hai ningún documento sobre a súa existencia ata 1869. Nesa época era dirixida por J. Dorado, e a continuación seguirao na dirección Manuel Calvo e Novoa.

En 1876 pasa a ser Banda Municipal, reorganizada polo músico Juan Montes, aínda que xa antes desa data este era director. A Juan Montes sucédeno Bernardo Soto, Julián González Llorens, José Cedeira Álvarez, Baldomero Latorre Capón (primo de Juan Montes), Benito Lizasuaín e Juan Montañés Marqués, todos eles antes de alcanzar o 1900.

A partir de 1900 fanse cargo da Banda Benito Patán e Antonio Martí (pianista do Círculo das Artes de Lugo). Disólvese a Banda e retómaa ao cabo dun ano Ricardo Dorado cun paso transitorio pola Banda ata a chegada de Juan González Páramos ao redor de 1915.

En 1923 chega á Banda Manuel Sariñena, que se ocupa da formación ata 1943. Sariñena incorpora por primeira vez as gaitas. En 1936 Sariñena é encarcerado por ideoloxía, quedando Lugo sen Banda de novo, sendo a Banda da Falanxe a única de Lugo, dirixida por Emilio Carricoba. En 1939 vólvese organizar a Banda outra vez con Sariñena como director ata 1943, cando se trasladou a Zaragoza a dirixir a orquestra sinfónica da cidade.

Ata a toma de posesión de Francisco Méndez Rodríguez, a Banda viuse sumida nunha morea de directores sen continuidade, como Jesús Pérez Rivas, José Moya e Gerardo Combao.

Con Méndez a Banda de Lugo gravou os seus primeiros discos dándolle unha importancia enorme á música galega e mesmo introducindo as gaitas a formación da Banda. En 1963 a Banda disólvese, pero grazas á presión popular e dos medios de comunicación foi reorganizada de novo.

Méndez inicia os seus estudos no Conservatorio de Madrid, na especialidade de clarinete, onde tivo coma profesor ao catedrático Julián Menéndez. Tamén estudou Harmonía e Fuga co maestro Ramón de Sanjosé e Composición co director da Banda de Alabarderos Emilio Vega. Oposita ao Cuerpo Nacional de Directores de Bandas de Música Civís, e en 1944 faise cargo da Banda Municipal de Lugo. Foron centenares os alumnos que aprenderon música co maestro Méndez, primeiro na Academia de Música Municipal na Calle Armañá, logo no antigo Campo da Feira e finalmente no Mercado de Quiroga Ballesteros.

Na primavera do ano 1970, o escritor Ánxel Fole, bo amigo de Méndez, pediulle que co gallo do “Día das Letras Galegas” se preparara un concerto integramente dedicado a música galega e así foi dende entón. A Banda nunca deixou de ofrecer este concerto o 17 de maio.

Méndez xubilouse en 1977, e transcorren 2 anos sen que se cubra a vacante. O frautista Camilo Rodríguez Quiñoá faise cargo da Banda ata a chegada de Indalecio Fernández Groba o 1 de febreiro de 1979, proveniente de Suíza, onde realizou unha actividade de dirección bandística moi activa. Con I.F. Groba gravouse outro dos 4 discos da Banda Municipal de Lugo nos estudios de Radio Popular de Lugo.

Por medio dun traslado do Corpo Nacional de Directores de Bandas de Música Civís, o 1 de febreiro de 1990, Indalecio F. Groba abandona o posto partindo ao seu novo destino na Banda Municipal de Música da Coruña, onde dirixiu ata a súa xubilación.

O subdirector da Banda, Pablo Coria, faise cargo da Banda durante uns meses ata a chegada do novo e actual director, Rosendo Ivorra Jover no 1991.

Rosendo con dezasete anos estaba en posesión do título de grao medio de trompa. Marchou a Valencia para poder seguir estudando harmonía, contrapunto e fuga, e terminar o título superior da súa especialidade, trompa. Cando contaba vinte e dous anos xa finalizara o título superior de trompa. Foi músico da Banda Municipal de Castellón, e o mesmo ano sacou por oposición unha praza de suboficial de bandas militares. Aos vinte e tres anos rematou o título superior de harmonía, contrapunto, fuga, composición e instrumentación. Foi profesor dos conservatorios de Pontevedra, Vigo, Santiago e Lugo. Aos vinte e oito anos rematou o título de dirección de orquestra. Estivo como director titular das bandas de Rianxo, Marín, Vilagarcía, Quiroga e Lugo.

A Banda Municipal de Música de Lugo e as súas músicas está patente en tódolos currunchos da cidade de Lugo, en 2009, coa celebración do seu 140 aniversario, culminando a súa presencia na sociedade lucense gravando o Himno do C.D. Lugo.

Quen ten dirixido a Banda dende a súa fundación?

1869-1876  

  • J. Dorado
  • Manuel Calvo y Novoa

1876-1900  

  • Juan Montes Capón 
  • Bernardo Soto
  • Julián González Lloréns
  • José Cedeira Álvarez
  • Baldomero Latorre Capón
  • Benito Lizasauín
  • Juán Serrano Marqués

1900-1915

  • Benito Patán
  • Antonio Martí
  • Ricardo Dorado

1915-1923 Juan González Páramos

1923-1943 Manuel Sariñena

1943-1944 

  • Jesús Peres Rivas
  • José Moya
  • Gerardo Combao

1944-1977 Francisco Méndez Rodríguez

1977-1979 Camilo Rodríguez Quiñoá

1979-1990 Indalecio Fernández Groga

1990-1991 Pablo Coria

1991-Actualidade Rosendo Ivorra Jover

Con cantos menbros contou a banda dende os seu inicios?
1880 1904 1915 1930 1940 1964 1975 1991 2011
28 31 33 29 39 45 45 41 20
Quen son os actuais membros da Banda de Música?

Dirección Rosendo Ivorra Jover

Frauta Noelia González Rodríguez

Requinto Marco Villamor Regueiro

Clarinete

  • Laura Alonso Gandoy
  • Víctor Manuel González
  • Julián Villamor Regueiro

Saxofón

  • Armando Morales Blanco
  • Manuel Meilán Fernández
  • Antonio Otero Fernández

Trompeta

  • Roberto López Valdés
  • Adrián López Blanco

Trompa

  • José Luís Lombao Rodríguez
  • Rosendo Ivorra Fernandez

Bombardino Francisco M. Villamor Regueiro

Fagot Noa López Caldeiro

Trombón

  • Aquilino Piñeiro Costas
  • Carlos Méndez Castro

Tuba José M. Rodríguez Varela

Percusión

  • Jesús Sal Veiga
  • Mercedes Autrán Romero
  • Efraím Díaz Vázquez
Cantas gravacións discográficas realizou a Banda?

Entre 1963 e 1981, a Banda Municipal de Música de Lugo, realizou oito gravacións:

  • Grupo gaiteros de la Banda Municipal de Lugo - Alhambra MGE 60149 (EP) 1963
  • Banda Municipal de Lugo con su grupo de Gaitas - Alhambra EMGE 70186 (single) 1963
  • Banda Municipal de Lugo con su grupo de gaitas - Alhambra EMGE 70188 (EP). 1963
  • Banda Municipal de Lugo con su Grupo de gaitas - Alhambra EMGE 70189 (single). 1963
  • Banda Municipal de Lugo con su grupo de gaitas - Alhambra EMGE 70187 (EP). 1966
  • Banda Municipal de Música de Lugo y Sección de Gaitas - Columbia SCGE 80763. 1964
  • Banda Municipal de Lugo y Sección de Gaitas. Música Regional Gallega - Columbia C7237. 1976
  • Banda Municipal de Lugo. Dial Discos. 1981
Onde ensaia a Banda Municipal de Música de Lugo?

O local de ensaio da Banda comparte instalacions coa Escola de Música, no Centro Social Uxío Novoneyra, situado na rúa Quiroga ballesteros, 1A.