Preguntas máis frecuentes en materia de extranxería

Consulta as preguntas máis frecuentes na área de estranxeiría: regularización, reagrupamento familiar, documentación, etc. Se non atopas resposta á túa dúbida, ponte en contacto connosco e resolverémoscha.

Estou en situación irregular en España. Podo solicitar algún tipo de autorización?

Concederase unha autorización de residencia temporal por situación de arraigamento, sen necesidade de posuír un visado, ás persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Acreditar a permanencia continuada en España durante un período mínimo de 3 anos.
  • Carecer de antecedentes penais en España e no seu país de orixe.
  • Contar cunha oferta laboral non inferior a un ano.
  • Acreditar vínculos familiares con outras persoas estranxeiras residentes ou ben presenten un informe que acredite a súa inserción social (informe de arraigamento) emitido polo concello.
Onde podo dirixirme para solicitar un informe de arraigamento para tramitar a autorización?

O informe de arraigamento ten que ser emitido polos Concellos a través dos seus traballadores sociais. En Lugo hai que acudir ao Centro de convivencia que che corresponda segundo o domicilio onde se atope empadroada a persoa que o solicita.

Para coñecer a dirección e o centro de convivencia que che corresponde podes consultar o noso Rueiro.

Cal é o contido do informe de arraigamento?

O informe deberá conter todos os extremos que poidan determinar o grao de arraigamento no noso país e deberá facer referencia ao tempo de permanencia do interesado no seu domicilio, medios de vida cos que conta, grao de coñecemento das linguas que se utilicen, a inserción nas redes sociais da súa contorna e os programas de inserción sociolaboral de institucións públicas ou persoais nos que participase.

Que requisitos teño que cumprir para poder reagrupar aos meus familiares?

Unha persoa estranxeira poderá reagrupar aos seus familiares cando obtivese a renovación da súa autorización de residencia inicial e deberá acreditar que dispón de vivenda adecuada e de medios económicos suficientes para cubrir as súas necesidades e as da súa familia, unha vez reagrupada.

O requisito de dispoñibilidade de vivenda adecuada se justificar a través de informe emitido pola traballadora social do concello do lugar onde se atope empadroado.

Que familiares podo reagrupar?

Pódense reagrupar aos seguintes familiares:

  • O cónxuxe do residente sempre que non se atope separado de feito ou de dereito.
  • Os fillos ou fillas do residente e do cónxuxe, incluídos os adoptados sempre que sexan menores de 18 anos ou persoas con discapacidade que non sexan obxectivamente capaces de prover ás súas propias necesidades debido ao seu estado de saúde. Cando se trate de fillos dun só dos cónxuxes requerirase ademais, que este exerza en solitario a patria potestade ou que se lle outorgou a custodia e estean efectivamente ao seu cargo.
  • Os menores de 18 anos e os maiores desa idade que non sexan obxectivamente capaces de prover ás súas propias necesidades, debido ao seu estado de saúde, cando o residente estranxeiro sexa o seu representante legal.
  • Os ascendentes en primeiro grao do reagrupante e do seu cónxuxe cando estean ao seu cargo, sexan maiores de 65 anos e existan razóns que justifiquen a necesidade de autorizar a súa residencia en España.
Son unha persoa reagrupada. Podo traballar?

A autorización de residencia por reagrupación familiar da que sexan titulares o cónxuxe e fillos e fillas reagrupadas cando teñan idade laboral, habilita para traballar sen necesidade de realizar ningún trámite administrativo previo.

Son unha muller vítima de malos tratos. Que podo facer?

En Lugo podes acudir á Casa da Muller que é un servizo específico para mulleres que ofrece información e asesoramento xurídico sobre violencia de xénero e dereito de familia. De igual modo préstase atención e información social sobre os recursos e prestacións existentes e atención psicolóxica.

Casa da Muller
Avenida da Coruña, 212 (Parque da Milagrosa)
Tel.: 982 297 412
Horario de atención: de luns a venres de 9.00 a 14.00 h
muller@lugo.gal

Existe un teléfono de atención a mulleres vítimas de malos tratos que é o 016. Ofrece de maneira confidencial e gratuíta información sobre os recursos existentes en materia de violencia de xénero e asesoramento xurídico especializado. Trátase dun servizo gratuíto con atención as 24 h. do día. Existe un teléfono para persoas con discapacidade auditiva que é o 900 116 016.

Que protección teñen as mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero?

Unha muller estranxeira que se atope en situación irregular poderá solicitar unha autorización de residencia e traballo por circunstancias excepcionais a partir do momento en que se ditou unha orde de protección ao seu favor, dita autorización non se resolverá ata que finalice o procedemento penal. Sen prexuízo disto, a autoridade competente poderá outorgar unha autorización de provisional de residencia e traballo a favor da muller estranxeira.

Son unha muller reagrupada que foi vítima de violencia de xénero. Podo ter unha autorización independente do meu cónxuxe? .

A muller reagrupada vítima de violencia de xénero poderá obter unha autorización de residencia e traballo independente desde o momento en que se ditou ao seu favor unha orde de protección.

Teño residencia legal pero os meus fillos ou fillas menores que viven comigo non teñen ningún tipo de autorización. Que podo facer para documentalos?

Pode solicitarse unha autorización para os menores de idade de estranxeiros residentes legais en España cando concorran os seguintes requisitos:

  • Acrediten a súa permanencia continuada en España durante un mínimo de dous anos.
  • Os seus pais, nais, titores ou titoras cumpran os requisitos de medios de vida e aloxamento.
  • Se os menores están en idade escolarización obrigatoria hai que probar que estiveron matriculados ou matriculadas nun centro de escolar e que asistiron con regularidade a clase, salvo ausencias xustificadas.
Estou en situación irregular. Podo empadroarme no concello no que resido?

O Padrón Municipal é un rexistro no que figuran todos os veciños e veciñas que residen no concello. Empadroarse é o mesmo que rexistrarse ou inscribirse no padrón municipal e poden facelo as persoas españolas como as estranxeiras, con independencia de que teñan regularizada ou non a súa situación administrativa en España.

Empadroarse é un dereito e unha obrigación que permite o acceso á asistencia sanitaria e o acceso á escolarización dos menores.

Podo votar nas eleccións municipais?

Nas eleccións municipais poderán votar os cidadáns de Bolivia, Chile, Colombia, Ecuador, Islandia, Noruega, Nova Zelandia, Paraguai e Perú.

Esíxese

  • Ser maior de 18 anos
  • Estar inscrito no padrón
  • Ter autorización de residencia en España
  • Residir legalmente en España durante 5 anos (excepto Noruega, que son 3 anos)
  • Estar inscrito no censo electoral, dentro do prazo de inscrición establecido
  • A Oficina do censo electoral remitirá comunicación de inscrición aos cidadáns que cumpran os requisitos para exercer o dereito a voto, de modo que se poida formalizar a inscrición vía correo postal ou internet.

Se a Oficina do censo electoral non remitise a comunicación, sería preciso presentar a solicitude de inscrición no censo electoral no concello a través de modelo oficial que se facilita nas dependencias municipais e acompañando fotocopia do NIE xunto co orixinal.

Para realizar este trámite pode dirixirse a:

Sección de Estatística (Padrón). Centro de Servizos Municipais
Ronda da Muralla 197 Planta Baixa
Tel.: 010 | 901 101 900

Onde podo obter información sobre dereito de estranxeiría?

Podes acudir ao Servizo de atención a persoas inmigrantes e emigrantes retornadas do Concello de Lugo onde se presta o servizo de asesoría xurídica, podes chamar para pedir cita ao 982 297 370 ou realizar a túa consulta no seguinte correo electrónico inmigracion@lugo.gal