Festival da Retranca

O Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca, ou Festival da Retranca, é unha proposta cultural, nacida ó cumprirse o primeiro ano das Catas Literarias no MIHL, que quere subliñar a conexión da retranca con todas as artes, e por extensión coa vida. A Retranca, que como di Forges “é unha forma de defensa léxica en situacións complicadas. É exactamente Humor”, será o noso fío condutor pola literatura, a pintura, o debuxo, a escultura, a música, a poesía, a cinematografía, o teatro, a danza, a arte dixital, a arquitectura e a gastronomía.

O Festival da Retranca nace co obxectivo de celebrarmos que a nosa existencia se enriquece ó crear, pensar e vivir con retranca. Nel haberá sitio para a reflexión e para a diversión, pero tamén para a sorna e o sarcasmo, para a ironía e o retintín. Durante o Festival gozaremos ou non de arrevesadas charlas, desconcertantes monólogos, encontros e desencontros con escritores, estreas de películas, espectáculos inauditos, obras no teatro, exposicións e imposicións, gastronomía satírica e, case segurísimo, algún cabo de ano.

A irreverente ousadía dos asistentes fará deste Festival da Retranca un acontecemento de prestixio e atractivo para todos os públicos que aspirará a converterse nunha referencia internacional do bo humor como expresión da intelixencia, a civilización e a alegría de vivir. Cunha ollada atrevida que atravese todos os xéneros, todas as artes e algúns corpos, o Festival da Retranca suspira por analizar, difundir e celebrar a existencia desa ollada.