Xuventude impulsa tres novas actividades dentro do programa +XTi para promover un ocio saudable entre a mocidade de Lugo

Trátase dun curso básico de panadaría e repostería, dunha programación de ocio alternativo en diferentes puntos da cidade, e dunha iniciación aos deportes de raqueta.

Jorge Bustos: “Dende a Concellería apostamos por alternativas de ocio que favorezan o desenvolvemento persoal, a saúde e incluso a empregabilidade da mocidade”.

Estas actividades enmárcanse no programa +XTi, organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello e financiado polo Plan Nacional sobre Drogas.

Martes, 15 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude impulsa tres novas actividades dentro do programa +XTi para promover un ocio saudable entre a mocidade de Lugo

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e Deportes, que dirixe o edil Jorge Bustos, continúa a súa aposta por un lecer alternativo e saudable coa posta en marcha de tres novas iniciativas dentro do programa +XTi 2025, dirixidas á mocidade lucense e, nalgúns casos, tamén ás familias. Trátase dun curso básico de panadaría e repostería, dunha programación de ocio alternativo en diferentes puntos da cidade, e dunha actividade de iniciación aos deportes de raqueta.

Neste senso, Bustos salientou que “desde a concellería queremos ofrecer propostas atractivas que fomenten un ocio seguro e con valores, apostando por alternativas que favorezan o desenvolvemento persoal, a saúde e incluso a empregabilidade da mocidade”.

As actividades terán lugar entre os meses de abril e xullo, con inscrición totalmente de balde.

Curso de Panadaría e Repostería: formación con futuro

Este curso está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos e conta cun total de 12 prazas. Terá lugar os martes e xoves entre abril e xuño, con clases prácticas en Panadería Ceao. Esta iniciativa responde a unha demanda real no mercado laboral e busca mellorar a ocupación xuvenil a través da formación específica.

“Queremos dar ferramentas para que a nosa mocidade atope vías reais de acceso ao emprego. A panadaría e a repostaría representan un nicho con moitas posibilidades e desde o Concello queremos ser parte desa solución”, apuntou Bustos.

Haberá unha presentación da formación o día 29 de abril no centro de convivencia Uxío Novoneyra. A duración do curso será de 60 horas e o prazo de inscrición abrirá este mesmo mércores, 16 de abril, ás 09:00 horas, ata o 25 de abril ás 19:00 horas, a través da web www.lugomasxti.org. A selección dos participantes levase a cabo por rigorosa orde de entrada das solicitudes.

Ocio alternativo: xogos, predeporte e ximkanas para todas as idades

A segunda proposta do programa +XTi achega o lecer aos barrios, cunha oferta aberta de xogos alternativos, predeporte, ximkanas e circuítos deportivos en tres zonas da cidade. Está dirixida a mozos e mozas a partir dos 10 anos e non require inscrición previa nin ten límite de prazas.

A actividade desenvolverase os venres, de 16:30 a 20:30h, nos meses de abril a xuño, en tres espazos da cidade: Parque da Orquídea (xunto ao CEIP Casás), os días 25 de abril, 16 de maio e 6 de xuño; Rúa Gallego Tato (xunto ao IES Luís Pimentel), os días 2 de maio, 23 de maio e 20 de xuño; e, por último, o Parque Rosalía de Castro (zona do mirador), os días 9 de maio, 30 de maio e 27 de xuño.

Con esta iniciativa búscase ocupar o tempo libre da mocidade dun xeito activo, divertido e saudable, achegando actividades ao aire libre a diferentes puntos da cidade.

Iniciación aos deportes de raqueta: tenis de mesa, squash e bádminton

Por último, dentro do mesmo programa, proponse unha actividade de iniciación a tres disciplinas deportivas de raqueta: tenis de mesa, squash e bádminton. A actividade está pensada para persoas de 12 a 35 anos, incluíndo tamén a participación en familia, cun total de 15 prazas dispoñibles. As sesións repartiranse entre abril, maio, xuño e xullo en diferentes instalacións deportivas da cidade, e a inscrición farase directamente no lugar da actividade.

  • Tenis de mesa: na Casa da Xuventude (martes e xoves de 16:30 a 19:00 h). Días: 22, 24 e 29 de abril / 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 de maio.
  • Squash: no Pazo Provincial dos Deportes (martes de 16:00 a 19:00 h e xoves de 16:00 a 18:00 h). Días: 29 de maio / 3, 5, 10, 12, 17, 19, 24, 26 de xuño / 1 de xullo
  • Bádminton: no Pavillón do Politécnico (sábados de 10:00 a 13:30 h). Días: 3 e 17 de maio / 7 de xuño.

“O deporte é unha ferramenta marabillosa para crear hábitos saudables, fortalecer vínculos familiares e promover a participación activa na comunidade”, sinalou Bustos.

Estas actividades enmárcanse no proxecto +XTi 2025, organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo e financiado polo Concello de Lugo e o Plan Nacional sobre Drogas. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar no teléfono 982 297 837.

Multimedia

  • Xuventude impulsa tres novas actividades dentro do programa +XTi para promover un ocio saudable entre a mocidade de Lugo
  • Xuventude impulsa tres novas actividades dentro do programa +XTi para promover un ocio saudable entre a mocidade de Lugo

Noticias relacionadas