As visitas á depuradora e á potabilizadora xa duplican as do pasado ano, cando aínda está aberto o prazo de inscrición

O programa de educación ambiental que desenvolven Concello e a empresa concesionaria do servizo abriuse a Universidade, asociacións, centros educativos galegos e outro tipo de colectivos.

No curso anterior foron visitadas por 800 estudantes, mentres que para o actual xa están confirmadas 1.680 persoas, entre alumnado e cidadáns en xeral.

O obxectivo é achegar a realidade do abastecemento e saneamento dun recurso natural tan esencial como escaso, así como os tratamentos que recibe para ser consumido.

Xoves, 03 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As visitas á depuradora e á potabilizadora xa duplican as do pasado ano, cando aínda está aberto o prazo de inscrición

As visitas á depuradora e á potabilizadora xa duplican as do ano pasado, cando aínda está aberto o prazo de inscricións. No curso anterior foron visitadas por 800 estudantes, mentres que para o actual xa están confirmadas 1.680 persoas, entre alumnado e cidadáns. Esto se debe, principalmente, a que o programa de educación ambiental que desenvolven Concello de Lugo e a empresa concesionaria do servizo abriuse á Universidade, asociacións, centros educativos de toda Galicia e a outro tipo de colectivos sociais e veciñais. De feito, as visitas comezaron neste mes de marzo e continuarán durante abril e maio, podendo solicitarse para grupos de ata 30 persoas, xa que o prazo continúa aberto.

O obxectivo deste programa de educación ambiental é achegar a realidade do abastecemento e saneamento dun recurso natural tan esencial como escaso, así como os tratamentos que recibe para ser consumido.

As plantas potabilizadora e depuradora de auga abriron xa as súas portas aos primeiros grupos de visitantes, a maior parte escolares de educación primaria e secundaria, pero tamén asociacións ou estudantes universitarios. No seu percorrido por estas plantas teñen a oportunidade de coñecer de cerca o funcionamento das dúas instalacións, consideradas modélicas e pioneiras.

Este programa é parte dun proxecto máis amplo de divulgación ambiental que pretende inspirar ás xeracións presentes e futuras a coidar e preservar a auga na localidade. O éxito é tal, que mesmo comezaron a solicitar visitas a ambas instalacións desde colexios e facultades de fóra da provincia, neste caso de Ourense ou Santiago.

O obxectivo destas visitas á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Lugo é ofrecer unha formación experiencial aos centros educativos e á sociedade en xeral, explican desde a empresa concesionaria. Durante estes primeiros días, o alumnado do CIFP Farixa, de Ourense; dos CEIPs Sagrado Corazón, Rosalía de Castro ou Colexio Fingol, de Lugo; da Facultade de Veterinaria ou os membros da asociación Alume Saúde Mental coñeceron de primeira man as diferentes operacións e procesos ás que se somete a auga na cidade, aplicados a diario.

Nas visitas guiadas pódense coñecer os tratamentos que se aplican á auga, empezando polos sistemas de control desde a captación no río Miño, o proceso de depuración na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e o seu envío aos depósitos para a súa posterior distribución á poboación. Posteriormente, na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), descubriron os diferentes procesos que se realizan ao longo da planta para devolver a auga ao río Miño nas mellores condicións posibles.

Estas visitas guiadas foron deseñadas para formar aos visitantes sobre como funciona o ciclo integral da auga na súa cidade e a importancia de coidar os hábitos vinculados á auga, xa que repercuten directamente no medio natural. Ao mesmo tempo ofrecen unha visión integral que aborda temas como a historia da auga na cidade, aspectos etnográficos, flora e fauna da conca do río Miño e a importancia de coidar a contorna natural para manter a calidade da auga.

Potabilizadora

Nas visitas á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), os alumnos coñecen o proceso de potabilización da auga que abastece á cidade de Lugo. Para iso fan un percorrido desde o punto de captación de auga no río Miño, desde onde empezan a entrar en contacto coa historia da auga na cidade e as necesidades que levaron á construción desta nova ETAP.

Unha vez situados na planta, descobren todas as fases do proceso de potabilización da auga: captación, pretratamento, coagulación e floculación, decantación, filtración, desinfección, corrección e axuste do PH e distribución, como eixos principais dunha visita que abórdase de maneira integral e interactiva.

Depuradora

Pola súa banda, nas visitas guiadas á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) danse a coñecer todas as fases que fan posible a depuración da auga procedente da poboación de Lugo. Para contextualizar a visita móstrase de maneira didáctica o proceso que segue a auga desde que sae dos fogares ata que é devolta ao espazo natural en perfectas condicións. Despois comeza a visita guiada a través da que se percorre todo o itinerario construído en base á orde natural das fases de depuración, seguindo dúas liñas principais: liña de auga e liña de lodos.

Unha parte importante da visita realizada nestas modernas instalacións de tratamento biolóxico da auga residual, fai referencia á importancia de ter uns bos hábitos de consumo e coidado en relación á auga.

A protección do medio natural é un dos piares desta planta que ademais se atopa situada nun valioso enclave ambiental e que foi deseñada seguindo un rigoroso plan de protección ambiental.

Multimedia

  • As visitas á depuradora e á potabilizadora xa duplican as do pasado ano, cando aínda está aberto o prazo de inscrición
  • As visitas á depuradora e á potabilizadora xa duplican as do pasado ano, cando aínda está aberto o prazo de inscrición

Noticias relacionadas