Máis de 100.000€ usaranse para pavimentar tres rúas e facer nove pasos de cebra elevados
Parte da inversión corresponde coa primeira parte do Plan de Seguridade Vial no entorno dos centros educativos

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou no día de hoxe que dende a Área de Mobilidade e Infraestruturas Urbanas se enviou ao servizo de contratación da proposta de inversión dos remanentes do Plan Único de 2018. Un total de 118.155,47€ que se destinarán á pavimentación de tres rúas da cidade e á posta en marcha da primeira fase, consistente en 9 pasos de cebra elevados, do plan de seguridade vial no entorno dos centros educativos.
Rubén Arroxo indicou que as rúas a pavimentar son o Camiño de Rosende e a Rúa Lumbrigante, no barrio da Abella, e a Rúa Pousadela na Cheda, ademais da creación de pasos de pasos de cebra elevados para garantir o acceso seguro aos seguintes centros de ensino:
- CIFP As Mercedes, dous pasos na rúa Montirón
- CEIP Illa Verde, dous pasos na rúa Roi Xordo
- CEIP Rosalía de Castro, un paso na Rúa Galicia
- IES Ollos Grandes e CEIP Anexa, catro pasos na Rúa Ramón Ferreiro
Ademais de mellorar a seguridade no acceso aos centros educativos, a colocación destes pasos de cebra elevados servirá para avanzar no calmado do tráfico nas zonas escolares. Arroxo sinalou que “traballamos para complementar as medidas que xa se están implantando dende a propia Dirección Xeral de Tráfico e que van encamiñadas a cidades con tráficos calmados e cun menor número de vehículos a motor circulando”.
Audio
- O Tenente de Alcalde Rubén Arroxo, sobre o Plan Único de 2018 | Descargar mp3