A Rúa Quiroga Ballesteros únese á rede peonil de Lugo

Arroxo visitou o final das obras, e explicou que “en total, o centro de Lugo conta con case 50.000 metros cadrados de espazos peonís para toda a veciñanza”.

A Tenencia de Alcaldía organiza esta fin de semana concertos na rúa para dar por rematada a actuación.

Martes, 22 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Rúa Quiroga Ballesteros únese á rede peonil de Lugo

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, acompañado polo resto de concelleiros e concelleiras da Tenencia de Alcaldía e persoal técnico da obra e do Concello, visitaron a rúa Quiroga Ballesteros, que se vén de unir á rede de rúas peonís de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que “desde hoxe as veciñas e veciños contamos con máis espazo peonil no casco histórico, que xa está a ser utilizada por moitas persoas desde que se abriu o tránsito peonil”.

A rúa Quiroga Ballesteros únese aos 46.934 metros cadrados de rúas peonís da zona centro, contando as zonas peonís de dentro da muralla e o treito peonalizado da Ronda. “Con esta actuación ampliamos o espazo peonil ata chegar a completar un total de 49.584 metros cadrados de espazo para a veciñanza”, explicou Rubén Arroxo. Os espazos peonís do centro continuarán a incrementarse nos vindeiros meses, coa incorporación dos 3.660 metros cadrados do treito da Mosqueira, que está en execucion.

A actuación realizada de Quiroga Ballesteros incluíu a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros e a instalación de novo mobiliario urbano. Ademais, ampliouse a zona de execución, mellorando tamén a estética da parte baixa de Santo Domingo, no treito de dobre curva que se atopa pegado á saída do aparcadoiro.

Desde a área de Cultura organizáronse unha serie de actividades para esta fin de semana, coincidindo coa apertura da nova praza peonil. Serán tres concertos de agrupacións locais de distintos estilos. Os concertos serán con cabida limitada e un espazo acotado, para garantir o cumprimento das recomendacións sanitarias vixentes no momento.

Os concertos comezaran o venres 25 ás 20:30 con Nebra, un grupo lucense xurdido no ano 2020 que fusiona aspectos vocais da música tradicional galega e do folk con sons propios do rock, metal e efectos de electrónica. As súas letras teñen unha temática centrada nas desigualdades sociais, no feminismo e nos problemas da saúde mental.

O sábado 26 ás 18:30 será o turno de Cine Mudo Animado, espectáculo de cine mudo de animación con música en directo da man do pianista Luís Monsalve, onde as familias poderán desfrutar dunha tarde de cine clásico para todos os públicos.

As actividades rematarán o domingo 27 ás 18:30 con Por Mi Swing, unha agrupación lucense especializada na música swing dos anos 30, 40 e 50. Baixo a etiqueta swing  engloban moitos estilos que levan asociados uns bailes sociais moi populares na primeira metade do século XX en case todo o mundo occidental como o Lindy Hop, Claqué, Balboa, Charleston, Collegiate Shag, etc. O repertorio deste grupo engloba grandes obras co swing máis clásico sen descartar novas tendencias como o Neoswing e o Electroswing.

Audio

  • O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, sobre a rúa Quiroga Ballesteros | Descargar mp3

Multimedia

  • A Rúa Quiroga Ballesteros únese á rede peonil de Lugo

Noticias relacionadas