Romanos e castrexos desfilarán mañá polas rúas máis céntricas e turísticas de Madrid para promover o Arde Lvcvs MMXXIII

Lara Méndez encabezará esta acción de street marketing que presentou na Casa de Galicia en Madrid e na que participarán preto de 150 persoas caracterizadas.
 
A comitiva partirá da Praza de Oriente para continuar pola rúa Maior, Praza Maior, Porta do Sol, rúa Arenal, para volver de novo ata a Praza de Oriente.
 
“Queremos superar o éxito de 2022 e continuar atraendo a milleiros de visitantes, que fican abraiados coa transformación que experimenta a cidade”, subliñou a rexedora.

Venres, 20 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Romanos e castrexos desfilarán mañá polas rúas máis céntricas e turísticas de Madrid para promover o Arde Lvcvs MMXXIII

Case 150 romanos e castrexos percorrerán este sábado as rúas máis céntricas da capital de España para promover o Arde Lvcvs MMXXIII, que se celebrará durante a última fin de semana de xuño, do xoves 22 ao domingo 25. Así o avanzou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a presentación da vixésimo segunda edición desta cita de recreación histórica na Casa de Galicia en Madrid, un acto no que estivo acompañada polo edil de Xuventude, Mauricio Repetto.
 
“Queremos dar a coñecer e multiplicar a proxección do Arde Lvcvs a nivel internacional e, por iso, poñemos en marcha esta acción de rúa, nas zonas con maior tránsito e volume de turistas da capital, chegando a unha gran cantidade de público, que poderán coñecer de primeira man unha pequena mostra do que é unha das nosas festas máis populares, xunto co San Froilán”, explicou a alcaldesa.
 
A comitiva, presidida por Lara Méndez e seguida por máis dun centenar de persoas, todas vestidas de época, sairá este sábado, a partir das 17:30 horas da Praza de Oriente para continuar pola rúa Maior, Praza Maior, Porta do Sol, rúa Arenal, para volver de novo ata a Praza de Oriente.
 
A rexedora realizou un convite público “para descubrir a cidade de Lugo e os seus atractivos turísticos –como os tres Patrimonios da Humanidade, a nosa afamada gastronomía ou o rico patrimonio histórico, cultural e natural co que contamos–, aproveitando a celebración do Arde Lvcvs, unha festa que xa é referente nacional, pola implicación de toda a cidade, e especialmente das 19 asociacións de recreación histórica que participan nos festexos”.
 
Durante o evento, mostrouse, así mesmo, o spot promocional da vixésimo segunda edición do Arde Lvcvs, que potenciará novas actividades para “superar o éxito da pasada edición e continuar atraendo a milleiros de persoas de todos os puntos da península, que fican abraiados coa transformación que experimenta a cidade, retrocedendo dous mil anos no tempo para pór en valor o legado cultural e histórico que posuímos”, explicou Méndez.
 
A alcaldesa lembrou que o que comezaba como unha festa para incentivar o sector da hostalaría do Centro Histórico, cunha duración dunha noite e enfocado principalmente á mocidade, “converteuse nunha festa cun elevado compoñente indentitario, patrimonial, cultural, lúdico e de dinamización económica que a fan única en España polo grao de implicación da cidadanía”. “Ese é, sen dúbida o maior dos seus éxitos”, apuntou.
 
Logo de ser declarada no 2011 festa de Interese Turístico de Galicia, e no 2017 conseguir o recoñecemento de festa de Interese Turístico Nacional; o Concello presentou en novembro do ano pasado a súa candidatura para obter o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.
 
Na presentación deste venres tamén participou o director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Manuel Serrano.

Multimedia

  • Romanos e castrexos desfilarán mañá polas rúas máis céntricas e turísticas de Madrid para promover o Arde Lvcvs MMXXIII

Noticias relacionadas