A Praza Maior, da Soidade e Pío XII, accesibles e inclusivas sen perder o seu valor histórico, tras as obras que acometeu o Concello

Lara Méndez, Ana Abelleira e Manuel Núñez supervisaron estas obras, duns 104.000 euros, acompañados de representantes de COGAMI, Auxilia e Fademga

As tarefas enmárcanse na aposta do traballo municipal por acadar unha accesibilidade universal, pola igualdade de oportunidades, da dignidade das persoas e da autonomía da cidade, co fin de facela máis integradora

Constitúen así mesmo “un acicate para facer tamén unha cidade turística accesible, outro dos eixos nos que estamos a traballar”, subliñou a Alcaldesa

Xoves, 01 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Praza Maior, da Soidade e Pío XII, accesibles e inclusivas sen perder o seu valor histórico, tras as obras que acometeu o Concello

A Praza Maior, da Soidade e Pío XII, accesibles e inclusivas sen perder o seu valor histórico, tras as obras que vén de acometer o Concello, cun orzamento de 104.400 euros. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisaron este xoves ditas tarefas, que xa remataron nas dúas primeiras prazas e que veñen de arrincar na última delas. Fixérono xunto ao vogal de barreiras arquitectónicas de Auxilia, Aquilino González, o presidente e coordinador de Cogami-Lugo, José Luis Celeiro e Juan Gude, e a técnico de Fademga, Marta Franco.

Durante a visita ás obras, a rexedora fixo fincapé na  mención especial acadada por Lugo o pasado martes nos premios europeos de accesibilidade. Con este accesit, “faise unn recoñecemento a unha traxectoria dun traballo iniciado polo anterior Goberno, encabezado por Orozco, e que nos continuamos, e se cabe con máis ímpetu, para intentar que Lugo sexa unha cidade 100% accesible”. Así mesmo subliñou que que “isto non significa que esté todo feito, pois quedan reivindicacións que seguimos intentando cubrir e solventar, para ter unha inclusión real”. Nesta liña, Méndez agradeceu aos colectivos o seu traballo pola accesibilidade, un traballo que no Concello se fai de xeito conxunto e transversal dende distitnas áreas, xunto coas asociacións, para que a igualdade universal sexa unha realidae.

As tarefas, consisten na pavimentación e revestimento de solos. Deste xeito, substitúese o adoquín por baldosa de granito para crear itinerarios que lles permita ás persoas con mobilidade reducida desprazarase por estes emprazamentos. Con estas obras, que se enmarcan na aposta do traballo municipal por acadar unha accesibilidade universal, pola igualdade de oportunidades, da dignidade das persoas e da autonomía da cidade, co fin de facela máis integradora, o Concello aproveitou tamén para dar solución a unha dificultade no saneamento existente ao fondo da Praza Maior.  Constitúen así mesmo, “un acicate para seguir a facer tamén unha cidade turística accesible, outro dos eixos nos que estamos a traballar”, subliñou a Alcaldesa ao tempo que lembrou o recoñecemento de Lugo como Destino Turístico Accesible, que se suma tamén ao Premio Reina Sofía de Accesibilidade.

Concretamente, na Praza da Soidade, realizouse un itinerario accesible ao carón da Capela e o Museo Provincial, que conecta de xeito accesible a Praza da Soidade coa Praza de Armanayá, con Santo Domingo e coa Rúa Nova. En canto á Praza Maior cambiouse o granito existente, debido ás súas roturas habituais.  

No que respecta á de Pío XII, o itinerario irá pegado ao atrio da Catedral. Deste xeito, farase accesible a Praza Pío XII e conectaranse os accesos coa rúa Clérigos, Bo Xesús e Porta de Santiago.

O Goberno, en vía de facer de Lugo “un camiño para todos”

Aquilino González lembrou que estes itinerarios eran propostas demandadas por Auxilia, ao tempo que lle agradeceu a súa realización ao Concello. “Este é o primeiro camiño para varrer definitivamente os adoquíns na cidade”; subliñou o voceiro de Auxilia, colectivo que ten máis propostas para realizar na cidade. “Estamos convencidos que dende Alcaldía e dende o Concello sairán adiante”, engadiu mentres que definiu o último premio de accesibilidade como “unha palmada na espalda para facer ben as cousas”.

Nesta liña insistiu Celeiro, quen ensalzou a gran implicación do Concello coa accesibilidade e felicitou tanto á Alcaldesa como ao Goberno por seguir na vía de facer de Lugo “un camiño para todos”.

Para rematar, Franco, en sintonía con González e Celeiro, agradeceu estas iniciativas por parte do Goberno, agardando que a cidade siga movéndose de cara a accesibilidade tanto dos lucenses como dos turistas.

13ª fase da renovación urbana do casco histórico

Estas obras enmárcanse dentro da 13ª fase do acordo para a rexeneración e renovación urbana do casco histórico de Lugo, entre o Concello de Lugo, o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia. O Concello asume o 48% do total, uns 68.000 euros, o Ministerio aporta un 35%, 53.700 euros, e a Xunta faise cargo dun 17%, ao redor de 31.700 euros.

Noticias relacionadas