Pola violencia cero contra as mulleres

Lara Méndez e Ana González Abelleira participaron nos actos conmemorativos que organizou o Concello diante da Árbore da Vida, na Praza de Santo Domingo, con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero

Mércores, 25 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Acto conmemorativo pola violencia cero contra as mulleres

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, participaron este mércores na homenaxe ás vítimas de violencia de xénero e ás mulleres maltratadas que o Concello de Lugo organizou diante da Árbore de Vida na Praza de Santo Domingo con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero. Estre os actos programados nesta emotiva homenaxe estaba unha ofrenda floral, a lectura dun manifesto e as actuacións musicais da Banda Municipal de Lugo e de Ruth León acompañada do guitarrista David Taboada. Ao acto tamén asistiu o presidente da Deputación, Darío Campos.

Nesta ocasión, o manifesto do Concello foi lido por unha muller vítima desta lacra social, que acabou coa vida de 1.028 mulleres en España dende hai 15 anos e, no caso de Galicia 56. No que se refire a este ano, xa foron 48 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex-parellas no Estado, seis delas en Galicia.

O manifesto fixo fincapé na violencia machista como “a manifestación máis evidente da desigualdade de xénero e a máis grave violación dos dereitos humanos das mulleres”, ao tempo que incidiu na importancia de denunciar todas as formas de acoso sobre as mulleres, física, psicolóxica, sexual, económica, tráfico, trata e ciberacoso. “O machismo alimenta a nosa desvalorización, a cousificación dos nosos corpos e a falta de respecto ás nosas decisións”, recollía o manifesto. “Os micromachismos actúan para anular as mulleres”, engadía.

Neste senso, o documento denunciaba os recortes sistemáticos que se levaron a cabo nos últimos anos nos recursos públicos xerais, nos dereitos sexuais e nos dereitos reprodutivos, recortes na interrupción voluntaria do embarazo das menores de entre 16 e 17 anos e recortes nos recursos especializados contra a violencia machista. Nel tamén se lembraba a loita do movemento feminista pola igualdade das mulleres e a contribución do Foro de Igualdade do Concello.

Máis info

  • Manifesto lido durante o acto conmemorativo organizado polo Concello con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero |Descargar en pdf

Multimedia

  • Acto conmemorativo pola violencia cero contra as mulleres

Noticias relacionadas