Os técnicos municipais visitarán este mércores o novo Auditorio para avaliar o seu estado como paso previo á súa recepción

A Consellería de Medio Ambiente confirma que abrirá as súas portas para a primeira revisión das instalacións por parte do Concello o vindeiro día 19.

Martes, 18 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Persoal técnico do Concello de Lugo visitará as instalacións do novo Auditorio o vindeiro día 19, ás 10.00 horas, segundo confirmou hoxe a Consellería de Medio Ambiente á petición presentada a semana pasada desde o Goberno de Lara Méndez para avanzar na última fase da recepción desta infraestrutura.

O obxectivo, segundo se lle comunicou desde o Administración local á Xunta de Galicia, é comprobar o estado no que se atopa a infraestrutura e avaliar que a totalidade das instalacións se adecúan aos proxectos aprobados. “O fin é garantir que a recepción do edificio se realiza nas condicións adecuadas, evitando que queden aspectos inconclusos ou opacos que supoñan un prexuízo, a longo prazo, para o conxunto da veciñanza”, segundo sostén o concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto.

Xunta de Galicia e Concello de Lugo dan así un novo paso na folla de ruta que estableceron na Comisión de Seguimento do Novo Auditorio, celebrada o pasado mes de novembro, xuntanza celebrada a petición do Concello de Lugo nunha carta remitida pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, á  conselleira Ánxeles Vázquez, co fin acelerar á recepción das instalacións. A rexedora xa lle trasladou en xullo a responsable autonómica a vontade do Concello de colaborar na rápida apertura do Auditorio, despois de 15 anos esperando por esta infraestrutura.  

Na Comisión de Seguimento se estableceron os seguintes pasos:

  • Aprobación por parte da Xunta de Goberno Local do proxecto reformado do inmoble e do equipamento.  O mesmo foi aprobado o pasado 15 de xaneiro, despois de que os nosos técnicos recibisen toda a documentación solicitada, que a Xunta fixo chegar a finais do mes de novembro de 2019.
  • Formación do persoal, que xa se desenvolveu neste mes de febreiro.
  • Revisión das instalacións por parte dos distintos departamentos municipais, que deberán elaborar os informes preceptivos sobre o seu estado.

Nesta última fase das visitas estarán presentes tamén técnicos da Xunta de Galicia.

Noticias relacionadas