O plan especial de limpeza para Todos os Santos prolongarase 14 días con cobertura reforzada no cemiterio e na súa contorna

Un total de 14 operarios e operarias e 12 vehículos ocuparanse de acometer nestas xornadas as tarefas de roza, baldeo, fregado de alta presión e limpeza xeral.

Este dispositivo de reforzo xa comezou a traballar o luns, coa roza da Estrada Vella de Santiago e nas inmediacións do camposanto, e estará operativo ata o 2 de novembro.

O alcalde sinala que “desde Transición Ecolóxica tratamos de que, nestas datas de gran afluencia ao cemiterio municipal, todo estea nas mellores condicións posibles”. 

Sábado, 25 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O plan especial de limpeza para Todos os Santos prolongarase 14 días con cobertura reforzada no cemiterio e na súa contorna

A área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo comezou a traballar esta semana nun dispositivo especial de limpeza de cara á celebración do día de Todos os Santos, o vindeiro 1 de novembro. Así o deu a coñecer o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, quen explicou que “este dispositivo especial prolongarase durante 14 días cunha cobertura reforzada, na que traballarán 14 operarios e operarias, que empregarán 12 vehículos especiais. O obxectivo deste Goberno local é que nestas datas tan significativas e de tanta afluencia ao cemiterio municipal, todo estea nas mellores condicións posibles”, sinala o rexedor lucense.

Baixo o traballo e coordinación da empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza, LuceLugo, levarase a cabo unha cobertura especial. Para iso, comentou Miguel Fernández, “actuarase tanto no interior do cemiterio, como na súa contorna, con traballos que xa comezaron na xornada do luns e que se prolongarán ata a seguinte día da festividade”. Ademais, o rexedor municipal tamén destacou as tarefas de limpeza que xa se están a facer estes días para que tamén as estradas e os accesos ao camposanto sexan o máis seguros posibles”.  

Este Plan de Limpeza Especial, que se levará a cabo ata o vindeiro 2 de novembro, consiste nas seguintes actuacións:

  • Traballos previos: os días 20, 21, 22 e 23 de outubro procedeuse á roza da Estrada Vella de Santiago e os arredores do cemiterio, para o que se empregarán dous tractores dotados de brazo rozador cos seus respectivos maquinistas. Ademais, os anteriores estiveron apoiados por catro operarios equipados con rozadoras manuais e sopladores, todos eles eléctricos.
  • Limpeza dos accesos ao Campo Santo: Os días 21 e 22 de outubro se efectuou unha limpeza da entrada principal do cemiterio e a contorna máis próxima ao campo santo para retirar os residuos existentes. Para realizar a limpeza destas zonas, o servizo empregou dúas operarias equipadas co material adecuado e cun vehículo auxiliar eléctrico.
  • Fregado con alta presión: os días 21 e 22 realizouse un fregado con equipo de alta presión de vapor manexada por un maquinista a todo o corredor central e á entrada do cemiterio onde se atopa “a estrela”.
  • Baldeo de alta presión: os días 30 e 31 de outubro unha máquina hidro limpadora realizará tarefas de baldeo de alta presión en todos os corredores do cemiterio, tanto da zona vella como na nova.
  • Baldeo en corredores: o día 31 de outubro realizarase un baldeo mixto cun camión cisterna de rega e baldeo, dotado dun condutor e dun peón, en todos os corredores e zonas duras do cemiterio.
  • Recollida de residuos: desde o día 27 de outubro ata o 2 de novembro, dúas traballadoras con apoio dun vehículo eléctrico, e equipadas cos medios materiais necesarios realizarán, de maneira continua, o baleirado de papeleiras, cuxos residuos se depositarán nun camión recolector tipo Minimatic cun condutor.

Multimedia

  • O plan especial de limpeza para Todos os Santos prolongarase 14 días con cobertura reforzada no cemiterio e na súa contorna
  • O plan especial de limpeza para Todos os Santos prolongarase 14 días con cobertura reforzada no cemiterio e na súa contorna
  • O plan especial de limpeza para Todos os Santos prolongarase 14 días con cobertura reforzada no cemiterio e na súa contorna
  • O plan especial de limpeza para Todos os Santos prolongarase 14 días con cobertura reforzada no cemiterio e na súa contorna

Noticias relacionadas