
Asociacións científicas e da madeira europeas, integradas no proxecto Eguralt, coñeceron este mércores o edificio Impulso Verde, que o goberno de Lara Méndez, está a construír na Garaballa ao abeiro do programa LIFE Lugo+Biodinámico, como exemplo de estudo de edificación innovadora e sostible.
Eguralt, cofinanciado polo FEDER, promove a aplicación e difusión da innovación para a promoción da construción en altura con madeira no espazo SUDOE (Sudoeste Europeo), contribuíndo ao reto global de loita contra o cambio climático a través da promoción do uso de materiais naturais que proveñen de fontes sostibles e renovables.
Este proxecto está integrado polas seguintes entidades: SerQ - Centro de Inovação e Competências da Floresta – Associação (Portugal); Pôle de Compétitivité Xylofutur Prod Mat Forets Cultivees (Francia); Nasuvinsa (Entidade responsable da promoción da vivenda pública en Navarra) (España); a Fundación Centro de Servizos e Promoción Forestal e da súa Industria de Castela e León (España); a Asociación de Empresarios da Madeira de Navarra (España); a Asociación Baskegur de Vizcaia (España); e a Axencia Galega da Industria Forestal -XERA- CIS Madeira (España). Ademais, no workshop de hoxe tamén participou o responsable de FSC España (Forest Stewardship Council), Gonzalo Anguita.