O Goberno logra o apoio do Ministerio de Turismo para que Lugo consiga o seu cuarto Patrimonio da Humanidade: o casco histórico

A Alcaldesa destacou a boa acollida de Reyes Maroto a esta candidatura que impulsa o Concello xunto coa declaración de Lugo como Cidade Gastronómica, iniciativas coas que “impulsamos o crecemento do sector turístico dunha maneira sostible poñendo en valor tanto o noso patrimonio material como inmaterial”

A Ministra mantivo un encontro co empresariado e emprendedores no CEI Nodus no que lles explicou as axudas e medidas de impulso do seu departamento á industria e ao comercio, e logo reuniuse no Vello Cárcere con representantes da Corporación

Luns, 04 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno logra o apoio do Ministerio de Turismo para que Lugo consiga o seu cuarto Patrimonio da Humanidade: o casco histórico

A Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, amosou este luns na súa visita á cidade o apoio do Ministerio a Lugo no camiño para lograr a declaración do casco histórico como Patrimonio da Humanidade, o cuarto ben mundial ao que aspira a cidade da man do Goberno de Lara Méndez, que firmará de inmediato un convenio co Centro de Estudos da Cidade da Universidade de Santiago de Compostela para preparar a candidatura. Este acordo coa USC incluirá tamén a elaboración do expediente para o recoñecemento de Lugo como Cidade Gastronómica, así como a localización do Centro de Estudos da Cidade no Vello Cárcere.

A Ministra felicitou á Alcaldesa por estes proxectos, encamiñados a “crear valor e riqueza co patrimonio histórico, coa entidade de Lugo”, e que sitúan á cidade “como referente turístico”, un sector que “ten que ser unha panca para os territorios”.

A Alcaldesa, quen agradeceu a visita de Reyes Maroto a Lugo porque “achegarse ao territorio é a mellor forma de coñecelos para despois plasmar as nosas inquietudes na acción política”, puxo en valor a boa acollida da Ministra á candidatura do casco vello da cidade como Patrimonio da Humanidade e á súa declaración como Cidade Gastronómica, iniciativas coas que “queremos impulsar o crecemento do sector turístico dunha maneira sostible potenciando e poñendo en valor tanto o noso patrimonio material como inmaterial”. “Está sendo moi fácil falar coa Ministra porque é unha persoa moi sensible, coñecedora da problemática do territorio e ten ideas claras de como solucionar os problemas que temos”, indicou Lara Méndez.

Na súa visita ao Vello Cárcere, a Alcaldesa e Reyes Maroto mantiveron un encontro con representantes da Corporación municipal, un acto ao que asistiron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, entre outras autoridades, que tamén acudiron á xornada que previamente tivo lugar no CEI Nodus co tecido empresarial e emprendedores e emprendedoras. Asistiron máis de 70 persoas a esta cita, entre representantes de asociacións empresariais, como a CEL, AJE, Federación de Comercio, asociacións de mulleres empresarias e de autónomas, os emprendedores asentados no CEI e os participantes no plan de apoio ao emprendemento do Concello Inicia Coworking. A Ministra explicoulles distintas liñas de axuda e proxectos que ten en marcha o seu departamento para potenciar o comercio e a industria.

Multimedia

  • O Goberno logra o apoio do Ministerio de Turismo para que Lugo consiga o seu cuarto Patrimonio da Humanidade: o casco histórico

Noticias relacionadas