O Concello impulsa tres novas iniciativas para converter o Camiño Primitivo en revulsivo económico e turístico de Lugo

A Alcaldesa secunda a primeira peregrinación a Santiago coa credencial lucense e reúnese cos historiadores Adolfo de Abel Vilela e Ricardo Polín, que presentaron un proxecto cun cento de propostas para valorizar a ruta xacobea

A Concellaría de Cultura organiza en Semana Santa un novo programa de rutas gratuítas polo Camiño e a Ponte Vella: Encontros Artísticos co Camiño

Xoves, 17 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello impulsa tres novas iniciativas para converter o Camiño Primitivo en revulsivo económico e turístico de Lugo

Este xoves concentrou a presentación de tres novas iniciativas coas que colabora ou organiza o Concello de Lugo para poñer en valor o Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade e convertelo en “revulsivo económico e turístico” da cidade, subliñou a Alcaldesa, Lara Méndez. “Temos claro que Lugo é a porta de entrada a Galicia do Camiño Primitivo e sabemos da importancia da súa catalogación o pasado verán como Ben Mundial polo precedente da Muralla, polo que traballamos para impulsalo, aproveitando ademais as sinerxias e os coñecementos de historiadores de prestixio como Adolfo de Abel Vilela e Ricardo Polín”, asegurou a rexedora.

Lugo, inicio de Camiño

A Alcaldesa participou a primeira hora da mañá, xunto con outros membros da Corporación e representantes de distintas administracións, como Deputación, Xunta e Subdelegación do Goberno, no arranque da primeira peregrinación a Santiago coa credencial de Lugo, impulsada pola asociación Lugo Monumental, cubrindo o percorrido dende a Porta de San Pedro á ponte romana.

Esta iniciativa ten como obxectivo promocionar Lugo como principio dun Camiño, co traxecto de 100 quilómetros preciso para obter a Compostela; reivindicar a credencial de Lugo; e chequear o estado da ruta, os indicadores, o trazado orixinal e os pirateados, os albergues e demais instalacións para que a Xunta e os concellos coñezan de primeira man as posibles melloras a realizar.

A rexedora avanzou neste senso que na primavera o Concello organizará un percorrido guiado polos 30 quilómetros de Camiño Primitivo que atravesan o municipio, dende as proximidades de Soutomerille ata Crecente, a realizar en dúas etapas na fin de semana, con explicacións do patrimonio histórico, cultural e paisaxístico polo que discorre.

Cen propostas

Tras a peregrinación simbólica, a Alcaldesa mantivo un encontro cos historiadores Adolfo de Abel Vilela e Ricardo Polín, que lle presentaron, a ela en primeiro termo, e despois aos voceiros dos grupos políticos da Corporación, un proxecto cultural da súa autoría que recolle un cento de propostas para a recuperación e posta en valor do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade.

As actuacións están relacionadas con aspectos tan diversos como a recuperación da traza arqueolóxica e a toponimia tradicional; posta en valor de elementos simbólicos e instalación de escultura emblemática; sinalización e adecentamento da trama urbana en lugares de especial significación, aproveitando o patrimonio arquitectónico e relixioso; incentivación do turismo cultural; rexeneración paisaxística; e irmandamentos e reforzos das conexións históricas.

Rutas para a Semana Santa

Por último, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou un novo programa de visitas guiadas gratuítas para a Semana Santa, tanto polo Camiño Primitivo como pola Ponte Vella: Encontros Artísticos co Camiño, que terán lugar os días 22 e 23 de marzo, a partir das 17:00 horas. As visitas discorrerán pola Praza de Santa María, a Catedral, a Porta de Santiago, a Muralla, San Pedro, Praza Maior, rúa da Raíña, Santo Domingo, A Tinería, Porta Miñá, Calzada da Ponte e Ponte Vella.

Por outra banda, o Concello tamén ofrece visitas guiadas pola cidade de Lugo, un total de 12, entre os días 19 e 27 de marzo, en quenda de mañá, ás 12:30 horas, os días 19, 22, 23, 24, 25 e 26, e en quenda de tarde os días 19, 20, 21, 24, 25 e 26 de marzo. Os lugares que se visitarán son a Muralla, a Catedral, o recinto histórico, a Praza da Soidade, a Praza de Santo Domingo, a rúa da Raíña, a Praza Maior, o Museo Provincial, a Casa dos Mosacios, o Centro de Interpretación da Muralla e a Domus do Mitreo. 

Todos os interesados en realizar algún destes roteiros, que terán como punto de saída a Praza do Campo e que terán unha duración estimada de dúas horas, deben concertar a súa visita na Oficina Municipal de Turismo de Lugo ou no teléfono 982.25.16.58. Máis información no servizo de información cidadá 010 ou no 982.29.73.50

“Un antes e un despois”

Dada a envergadura das tres iniciativas presentadas ou postas en marcha este xoves, a Alcaldesa subliñou que “hoxe marcará un antes e un despois na posta en valor do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo”.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre as iniciativas para impulsar o Camiño Primitivo |Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello impulsa tres novas iniciativas para converter o Camiño Primitivo en revulsivo económico e turístico de Lugo
  • O Concello impulsa tres novas iniciativas para converter o Camiño Primitivo en revulsivo económico e turístico de Lugo

Noticias relacionadas