O Concello de Lugo suspende todas as súas actividades a partir do sábado e pecha aquelas dependencias que non son de atención directa ao usuario

Co fin de evitar aglomeracións, activará a cita previa en todos os servizos e pide á veciñanza que acudan só en caso de estrita necesidade e que as consultas sexan telefónicas

Cada área municipal organizará aos seus traballadores, facilitando e favorecendo a conciliación

Xoves, 12 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Cada área municipal organizará aos seus traballadores, facilitando e favorecendo a conciliación.

Vistas as novas medidas adoptadas desde o Goberno central e a Xunta de Galicia, o Concello de Lugo fixou no día de hoxe unha serie de medidas preventivas para evitar a propagación do coronavirus, tanto entre a poboación lucense como no ámbito dos traballadores municipais.

Desde este sábado, pecharanse todas as dependencias municipais (culturais, deportivas, sociais, garderías, ociotecas, Escola Municipal de Música, Casa da Xuventude, etc.) e suspenderanse todas as actividades organizadas desde o Concello ata novo aviso, en función de como evolucione a situación.

Manteranse abertas as dependencias de atención administrativa directa ao público, pero para evitar colas e aglomeracións se activará a cita previa en todos os servizos – polo que se reforzará o 010 -, e pídese aos usuarios que acudan só en caso de estrita necesidade e que as consultas sexan telefónicas.

Tamén manteranse algúns servizos que se consideran indispensables pola especial atención a colectivos vulnerables, como o Servizo de Atención no Fogar e o Fogar de Transeúnte, nos que se lle solicitará ás empresas adxudicatarias que extremen as medidas hixiénico sanitarias do persoal.

No caso do CEI Nodus, as actividades formativas desenvolveranse vía telemática.

En canto á Praza de Abastos e o Mercado Municipal, serán os placeiros os que decidan se abren os seus postos.

O Concello tamén manterá a organización das vodas, aínda que estas se celebrarán unicamente nas dependencias da Casa do Concello e só poderán acompañar aos contraentes testemuñas e familiares directos.

Función Pública

No caso dos empregados públicos, o Concello suspende temporalmente e de xeito excepcional o control horario dixital e cada área organizará ao seu persoal favorecendo e facilitando a conciliación laboral, así como poñendo á súa disposición o teletraballo.

Evitaranse, ademais, as viaxes de traballo que non sexan imprescindibles para a prestación ordinaria dos servizos e potenciarase a videoconferencia.

O Concello extremará a limpeza tanto urbana como de todas as dependencias municipais así como a do trasporte urbano, establecendo protocolos especiais.

O Goberno municipal poderá ampliar e/ou modificar estas medidas nas vindeiras horas en función da evolución da situación existente e das decisións que vaian adoptando as autoridades pertinentes, como xa ven realizando nestes últimos días.

A alcaldesa mantivo o xoves á tarde unha reunión cos portavoces dos grupos da Corporación onde se lles comunicaron as medidas adoptadas.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o virus do "Corona Virus" | Descargar mp3

Noticias relacionadas