O Concello de Lugo incrementa as medidas de aforro de auga como medida preventiva ante un posible agravamento da seca

Sen comprometer o aseo nin o ornato público, a área de Medio Ambiente diminuirá nun 30% o volume de auga empregado para a rega de xardíns e nun 50% o destinado ao baldeo da capital.

O Executivo de Lara Méndez pretende, así, adecuarse á realidade hídrica actual de forma proactiva para evitar outras limitacións que ocasionen maiores prexuízos á cidadanía.

Martes, 09 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo incrementa as medidas de aforro de auga como medida preventiva ante un posible agravamento da seca

O Concello de Lugo vén de incrementar as medidas de aforro de auga. Unha decisión que o Executivo de Lara Méndez adopta de xeito preventivo debido ás circunstancias actuais, malia que na capital, nestes momentos, non existe unha situación de prealerta ou alerta de seca.

“Trátase de tomar conciencia, de aplicar aquelas pautas que, mantendo a hixiene e ornato da cidade nos permitirán tamén velar por unha utilización máis eficiente e responsable dos recursos naturais que, como ben sabemos, non son ilimitados”, sinalou o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.

Así, o concelleiro de Medio Ambiente explicou que dende esta área se incidirá directamente na cantidade de auga empregada para proceder ao baldeo das rúas e á rega das zonas verdes.

“Deste xeito, pasaremos a empregar un 30% menos de auga para a conservación dos espazos axardinados, priorizando os máis sensibles e aqueles que teñen plantada flor de tempada, unha cantidade que pode diminuír aínda até o 60 e mesmo o 90% se a Confederación Hidrográfica determinase un empeoramento da seca”, indicou o edil.

En canto á limpeza viaria, Miguel Fernández sinalou que, anualmente, este servizo destina a esa función un volume de 26.950’5 m³ – que obedece a unha media de 2.245’88 m³ ao mes – e que durante o verán mingua nun 20%, até os 1.797’32 m³ mensuais.

“Dadas as circunstancias, esta redución do baldeo na contorna urbana chegará ata o 50%, o que suporá a utilización de arredor de 1.122’94 m³ de auga para esta tarefa cada mes, aínda que no caso de agravarse a situación se baixará ao 75% en prealerta, ao 90% en alerta ou mesmo se eliminará se así o considera necesario a CHMS”, referiu o responsable de Medio Ambiente.

O tenente de alcaldesa especificou que coas reducións plantexadas, o servizo pasará a desempeñarse nas calzadas cun baldeo mecánico e dous mixtos (este último inclúe alén un barrido manual básico), de luns a sábado pero agora en días alternos.

Mentres que se mantén a hixiene diaria de beirarrúas e prazas de luns a domingo, cunha hidrolimipadora, en vez de con dúas.

“A vontade do Goberno local é adecuarse á realidade hídrica que vivimos, sendo sensibles a un posible empeoramento da mesma se esta climatoloxía perdura, e co obxectivo de actuar en consecuencia para evitar, na medida do posible, outro tipo de restricións que ocasionen un maior prexuízo á cidadanía. Unha das principais bandeiras da acción política deste Executivo é transformar Lugo para que sexa resiliente fronte aos retos que presenta o cambio climático pero esa preparación esixe tamén de prevención como a que xa estamos aplicando ”, concluíu Miguel Fernández.

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre o Plan de Aforro da Auga | Descargar mp3

Noticias relacionadas