O Concello de Lugo activa un operativo especial para canalizar a solidariedade das e dos lucenses coas persoas afectadas pola DANA

As persoas interesadas en colaborar como voluntarias poden inscribirse a través do correo electrónico voluntariadolugo@lugo.gal ou presencialmente, a partir do martes, no Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, s/n) en horario de 09:00 a 14:00 horas.

As doazóns de produtos esenciais poderán realizarse no Centro Social Díaz Castro (Rúa Díaz Castro, 6), de luns a venres, en horario de 16:30 a 20:30 horas.

Paula Alvarellos destaca que “o Concello quere servir de canle para que todas as persoas interesadas poidan colaborar de forma segura e efectiva, ben a través do voluntariado, ben mediante a doazón de produtos de primeira necesidade”.

Sábado, 02 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo acaba de poñer en marcha un dispositivo de emerxencia en resposta á solicitude de axuda trasladada pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) co obxectivo de canalizar a solidariedade dos lucenses e ofrecer unha vía segura para colaborar coas persoas afectadas polo temporal. O operativo está coordinado pola Alcaldía en colaboración coa concellería de Benestar Social e Maiores e comezará a funcionar este luns, involucrando tanto á Oficina Municipal de Voluntariado como ao Centro Social Díaz Castro.
 
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou que "o Concello quere servir de canle para que todas as persoas interesadas poidan colaborar de forma segura e efectiva, ben a través do voluntariado, ben mediante a doazón de produtos de primeira necesidade." Ao respecto, e para garantir que a axuda chegue ás persoas realmente afectadas, o Goberno local recomenda colaborar unicamente a través de organismos oficiais e evitar doazóns a empresas ou organizacións non recoñecidas, debido a que se teñen rexistrado casos de posibles estafas.
 
Alvarellos expresou tamén o fondo pesar do Concello de Lugo pola situación en que se atopan as persoas afectadas pola DANA. "Estamos conmovidos polo impacto desta catástrofe, e queremos expresar a nosa solidariedade con quen sufriu esta desconsoladora situación e tamén o recoñecemento aos equipos de emerxencia que están a traballar incansablemente nas zonas máis prexudicadas."
 
Dúas vías de colaboración dispoñibles: voluntariado e doazóns
 
As persoas interesadas en colaborar teñen á súa disposición dúas modalidades:

  1. Voluntariado: a Oficina Municipal de Voluntariado articulará un rexistro de voluntarios para axudar na recepción e clasificación das doazóns. Quen queira sumarse a este labor poderá facelo a través do correo electrónico voluntariadolugo@lugo.gal ou presencialmente, a partir do martes, no Centro Social Uxío Novoneyra, en horario de 09:00 a 14:00 horas.
  2.  Doazóns de produtos: o Concello habilitará o Centro Social Díaz Castro para recibir doazóns de produtos de primeira necesidade que a FVMP solicitou, como auga, leite, fiambres, pan, pan de molde, latas de atún, artigos de hixiene persoal e doméstica, cueiros e compresas. As persoas que desexen doar poderán facelo de luns a venres, de 16:30 a 20:30 horas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre os afectados da DANA | Descargar mp3

Noticias relacionadas