O Concello asumirá o mantemento do ascensor da Muralla

A dotación que facilita a accesibilidade ao monumento das persoas con mobilidade reducida “demostra os bos froitos da colaboración entre tres administracións: Concello, Xunta e Deputación”, subliñou a Alcaldesa

Luns, 30 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello asumirá o mantemento do ascensor da Muralla

O Concello de Lugo asumirá os custes de mantemento do ascensor da Muralla, acondicionado no Carril dos Romanos, detrás da Deputación, e posto en marcha este luns durante unha visita de representantes da Corporación municipal, a Xunta, a Deputación e a asociación Auxilia, que liderou o impulso desta dotación. A comitiva estivo encabezada pola Alcaldesa, Lara Méndez, o Conselleiro de Cultura, Roman Rodríguez, e o presidente de Auxilia, Aquilino González.

A rexedora subliñou que esta dotación que facilita a accesibilidade á Muralla ás persoas con mobilidade reducida demostra os “bos froitos da colaboración entre tres administracións”, a Xunta, que acometeu as obras, a Deputación, que facilitou os terreos, e o Concello, que concedeu os permisos e que a partir do 10 de decembro se fará cargo do seu mantemento. 

Seguridade

Por outra banda, e a preguntas dos xornalistas, a Alcaldesa confirmou que a Policía Local mantén activado un dispositivo especial para velar pola seguridade na Muralla “dende o momento no que tivemos notificación dos primeiros incidentes”, en referencia ao lanzamento de obxectos dende o paseo. De calquera xeito, “de persistir” estes actos vandálicos, non descartou a posibilidade de convocar unha Xunta Local de Seguridade específica para reforzar as medidas de vixilancia, pois ”estamos falando, non dunha gamberrada, senón dunha cuestión de seguridade para o viandante e os conductores que circulan pola Ronda que pode ocasionar situacións de perigo”.

Noticias relacionadas