O concelleiro Miguel Fernández supervisa o inicio das obras do viario que une a LU-P-2901 coa igrexa de San Pedro de Mera

A execución inclúese no conxunto de intervencións do Plan de Cooperación, onde se invisten máis de 320.000 euros e que beneficiarán a un milleiro de veciños.

O edil destaca que “é unha das prioridades da alcaldesa de Lugo a continuación das melloras das infraestruturas do rural”.

Mércores, 01 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O concelleiro Miguel Fernández supervisa o inicio das obras do viario que une a LU-P-2901 coa igrexa de San Pedro de Mera

O tenente de alcaldesa e responsable da área de Medio Rural, Miguel Fernández, visitou o comezo das obras no vial municipal que une a estrada LU-P-2901 coa Igrexa da parroquia de San Pedro de Mera. Estes traballos executaranse por un importe de adxudicación de 16.733 euros.

As actuacións previstas para a mellora do pavimento desta estrada consistirán na extensión e  compactación dunha capa de mestura asfáltica en quente. Ademais, procederase a unha regularización previa da superficie coa mesma mestura para as zonas máis deformadas ou con fochancas.

Tamén se realizará a limpeza das cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía e evitar que produzan danos no pavimento do camiño, e colocarase unha obra de fábrica de 6 m de lonxitude, formada por tubos, previa demolición da obra de fábrica existente.

O concelleiro incidiu en que unha das prioridades da alcaldesa Lara Méndez é “seguir acondicionando as infraestruturas e incrementar os servizos no rural, co obxectivo de asentar poboación, mellorar a seguridade viaria das estradas municipais”.  Sinalou que “todas estas intervencións, que alcanzan no seu conxunto un investimento de 329.120 euros, beneficiarán directamente ao redor dun milleiro de veciños e veciñas que viven nas parroquias de Tirimol, San Mamede dos Anxos, Calde, San Pedro de Mera, Poutomillos e Camoira e que utilizan as vías municipais a diario para efectuar os seus desprazamentos”.

Esta actuación enmárcase na contratación da mellora de estradas en seis parroquias do rural, que se desenvolven ao abeiro do Plan Único de Cooperación entre a Deputación Provincial e os Concellos.

Noticias relacionadas