A obra, realizada co gallo do Xacobeo 99, mudou a súa localización, na zona verde de Santo Domingo, a raíz das obras de peonalización e ante a nova configuración da praza.
Miguel Fernández sinala que, “de acordo co escultor, buscamos un lugar no que a obra tivera un protagonismo especial, como creo que demostra a nova situación”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o escultor coruñés Pepe Galán visitaron esta mañá o novo emprazamento da obra ‘Vieiros de Seu’, unha peza realizada en aceiro corten que o artista realizou co gallo do Xacobeo 99, e que ata de agora estaba nos xardíns de Santo Domingo. A raíz das obras de peonalización e ante a nova configuración da praza “buscouse, de acordo co escultor, un novo emprazamento no que a obra tivera un especial protagonismo, como creo que demostra a nova situación no centro do xardín de San Roque”, sinalou o rexedor municipal.
Tamén o propio artista explicou que “o novo emprazamento realza a intervención escultórica”, unha peza que conmemora o Camiño de Santiago e, segundo definiu Pepe Galán, representa “o camiño interior e a experiencia do encontro con un mesmo e cos avatares que atopamos na ruta xacobea”.
A peza de aceiro corten ten unhas dimensións de 147 x 400 x 285 centímetros e forma parte das coleccións de obra pública realizadas polo artista multidisciplinar, e que se poden atopar en moitos concellos galegos. A peza, polo emprego deste material, o seu tamaño, formas e cores, queda totalmente integrada no xardín de San Roque, dotando a este espazo axardinado dunha maior singularidade.



