Novo resultado do Plan de Barrios do Goberno: garantizada a accesibilidade e mobilidade á veciñanza de San Roque e aos 8.000 usuarios do centro de saúde

A Alcaldesa supervisou as obras que vén de acometer o Concello na contorna, onde investiu 35.000 euros. Substituíronse baldosas, colocáronse varandas e pintáronse dous novos pasos de péons

Con esta acción, o Goberno continúa traballando nun modelo de cidade accesible, na que se facilita a mobilidade dos veciños e veciñas. Neste eido, o Concello tamén ten en marcha as obras do ascensor de Fontiñas

Martes, 06 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Novo resultado do Plan de Barrios do Goberno: garantizada a  accesibilidade e mobilidade á veciñanza de San Roque e aos 8.000 usuarios do centro de saúde

Para o Goberno de Lugo, a atención aos barrios non é un slogan, é a súa constante continua, pois pensa a cidade dende todas e cada unha das súas zonas. Así o subliñou este martes a Alcaldesa, Lara Méndez, nunha visita á contorna de San Roque, acompañada dunha vintena de veciños e veciñas.

Precisamente nesta aposta municipal por contribuir a renovar os barrios de Lugo, tanto dende o punto de vista urbano, pero sobre todo, en canto a calidade de vida da veciñanza; a Alcaldesa, xunto ao Voceiro Municipal, Miguel Fernández, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira; achegouse a supervisar as obras que vén de acometer o Goberno nos accesos ao centro de saúde de San Roque, unhas tarefas que remataron a semana pasada.

Concretamente, o equipo de Lara Méndez investiu 35.000 euros en substituír as baldosas por unhas de maior adherencia, colocar varandas galvanizadas en cor azul en 8 tramos (Ramón Montenegro, Carril do Xuízo e rúa Pena Anda), pintar dous novos pasos de cebra (no Carril do Xuízo coa rúa Pena Anda) e repintar a sinalización horizontal da zona; "unha inversión coa que facilitamos a vida aos 8.000 cidadáns aos que lle da cobertura este centro de saúde".

Con esta acción, o Goberno continúa traballando nun modelo de cidade accesible, na que se favorece e facilita a mobilidade dos nosos veciños e veciñas. Neste eido, o Concello tamén ten en marcha as obras do ascensor de Fontiñas, unhas tarefas que empezaron a mediados de setembro, cun orzamento de 181.000 euros.

No eido de accesibilidade, o Goberno tamén actuou na rúa do Outono, na beirrarúa emprazada no lado sur desta vía. Cambiáronse as baldosas por unhas con máis adherencia, dispuxéronse varandas en catro tramos e colocouse unha rampa con varanda na parte da escaleira, cun investimento de 6.500 euros.

Estas novas actuacións, enmarcadas no Plan de Barrios, permiten dar solución a necesidades da cidadanía, e por pequenas que poidan parecer, son importantes para mellorar o día a día da veciñanza. Trátase de proxectos, que máis aló de promover a mobilidade peonil, constitúen a política social do Goberno, pois dan solución a un problema da cidadanía, entendendo ademais que o espazo público está para un uso público.

Audio

Multimedia

  • Novo resultado do Plan de Barrios do Goberno: garantizada a  accesibilidade e mobilidade á veciñanza de San Roque e aos 8.000 usuarios do centro de saúde
  • Novo resultado do Plan de Barrios do Goberno: garantizada a  accesibilidade e mobilidade á veciñanza de San Roque e aos 8.000 usuarios do centro de saúde

Noticias relacionadas