A proposta incorpora unha senda peonil, zonas verdes e un novo esquema de estacionamento, co obxectivo de gañar espazo público e facilitar o acceso aos edificios residenciais.
O novo deseño responde ao modelo de cidade impulsado polo Goberno local, baseado na accesibilidade, a escoita activa e a mellora da calidade urbana.
“Traballamos sempre coa vontade de escoitar, mellorar e atopar solucións que beneficien ao conxunto da cidadanía”, destacou o alcalde.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo un proceso de diálogo construtivo con representantes veciñais da urbanización Quinta de Pérez e do barrio de Paradai, coa promotora do edificio que se está a construír no número 64 da rúa Otero Pedrayo e cos servizos técnicos municipais. O resultado dese traballo conxunto foi a presentación dunha mellora do deseño previsto para a urbanización do vial que conecta Río Sil con Otero Pedrayo, que contou co consenso de todas as partes.
“Traballamos sempre coa vontade de escoitar, mellorar e atopar solucións que beneficien ao conxunto da cidadanía”, subliñou o rexedor, quen puxo en valor o clima de colaboración e respecto no que se desenvolveron os encontros.
A rúa será de sentido único de subida desde Río Sil ata a intersección con Otero Pedrayo, pero manterá a circulación en ambos sentidos no tramo superior, co fin de permitir a entrada desde Otero Pedrayo ao primeiro bloque da urbanización da Quinta de Pérez. Esta configuración facilitará a mobilidade interna e mellorará o acceso aos edificios residenciais da zona, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza.
O novo proxecto contempla unha reorganización do espazo público que permitirá habilitar unha senda peonil no lateral dereito do viario, facilitando a circulación segura das persoas nun entorno ata agora sen itinerarios definidos. Reformúlase tamén o esquema de estacionamento co obxectivo de ordenar mellor o tráfico e favorecer a accesibilidade, e resólvese a pendente do vial para garantir un percorrido máis cómodo e adaptado ao uso peonil. Ademais, o deseño incorpora zonas verdes que contribuirán a mellorar a calidade ambiental e estética da contorna.
Miguel Fernández agradeceu a disposición da veciñanza e da promotora para avanzar conxuntamente nun proxecto máis equilibrado e beneficioso para o barrio, e salientou que “o resultado final é un bo exemplo de como o diálogo e a planificación permiten mellorar os espazos comúns sen renunciar á funcionalidade nin á calidade urbana”.


