Medio Ambiente impulsa o tratamento dos biorresiduos con dous proxectos de recollida selectiva de materia orgánica e compostaxe

A Administración local concorrerá ás dúas liñas de acción da convocatoria de axudas autonómicas para mellorar a xestión deste tipo de refugallos.

Entre as actuacións previstas, orzamentadas en 311.400 €, figura a adquisición de colectores para a vía pública e de composteiros comunitarios e domésticos.

“A medida obedece á vontade de avanzar no modelo de cidade verde e sostible, en pararelo á implantación do novo contrato de limpeza viaria”, afirmou o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.

Mércores, 09 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente impulsa o tratamento dos biorresiduos con dous proxectos de recollida selectiva de materia orgánica e compostaxe

O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, dará un impulso ao tratamento dos biorresiduos coa posta en marcha de dous proxectos, un para implantar a recollida separada dos restos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico e, outro, para fomentar a súa separación e reciclaxe en orixe mediante a compostaxe doméstica e comunitaria.

A Administración local autorizaba hoxe, en Xunta de Goberno, concorrer ás dúas liñas que, a este respecto, recolle a convocatoria de achegas autonómicas habilitadas ao abeiro dos Fondos de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.

“Trátase de fornecernos daqueles recursos económicos que nos axuden a seguir avanzando no modelo de cidade sostible e verde que abandeiramos, dentro da nosa estratexia de loita contra o cambio climático e, dentro da cal, un dos principais obxectivos é acadar a correcta xestión dos residuos xerados no municipio, cun mínimo impacto ambiental e sobre a saúde das persoas”, sinalou Miguel Fernández.

O edil explicou que o investimento nestas actuacións alcanzará os 311.400 euros, sendo sufragado polo Concello o 10% dos custos.

“Traballamos, así, en pararelo á próxima entrada en vigor do novo contrato do servizo de limpeza viaria, avanzando, por unha banda na recollida de biorresiduos e, por outra, propiciando que a separación se faga xa en orixe para evitar o vertido incontrolado de refugallos e minorar as consecuencias que isto ten para o ecosistema o que reverterá, directamente, na redución de gases de efecto invernadoiro ao mesmo tempo que actuamos sobre outro aspecto fundamental como é a concienciación cidadá, implicando á veciñanza na xestión dos desperdicios orgánicos”, salientou o tenente de alcaldesa.

Así, Fernández avanzou que, entre as actuacións que se contemplan levar a cabo a través desta subvención figura a adquisición de colectores para a recollida separada de biorresiduos na vía pública, así como de caldeiros e composteiros comunitarios e domésticos, tanto para uso individual ou familiar como destinados aos considerados grandes xeradores, entendéndose como tales os restaurantes, maioristas, comedores, servizos de restauración colectiva e establecementos de consumo polo miúdo.

Igualmente o Concello se abastecerá de sacas reutilizables, biotrituradoras e outros aparellos destinados a controlar o proceso de compostaxe como termómetros, aireadores e tamizadoras e mesmo camións específicos para a retirada e traslado deste tipo de refugallos, ao tempo que desenvolverá campañas informativas e de sensibilización entre a poboación.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre o proxecto de recollida de biorresiduos | Descargar mp3

Noticias relacionadas