Máximus e os xogadores do CB Breogán converteranse mañá en emisarios reais no Mercado Nadalmente Lucense

O Mercado da Praza Maior acolle desde hoxe a Ben-Al, emisario enviado directamente a Lugo polos Reis Magos, que o mércores, ás 11.30 h., contará con este apoio de ‘altura’.

A Alcaldesa, Lara Méndez, convida aos máis pequenos a acercarse e gozar das numerosas actividades que se desenvolven para eles.

Martes, 27 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máximus e os xogadores do CB Breogán converteranse mañá en emisarios reais no Mercado Nadalmente Lucense

O Goberno de Lara Méndez ultima, no marco da campaña Nadalmente Lucense - promovida para dinamizar durante estas festas as compras nos comercios de proximidade - a chegada dos Reis Magos á cidade. A alcaldesa lembra, neste senso, que o Mercado municipal da Praza Maior acolle desde hoxe ao emisario enviado directamente a Lugo polas Súas Maxestades de Oriente para recoller as cartas cos desexos dos nenos e nenas.

A rexedora lucense convida a todos a que se acheguen durante a semana ata o Oasis de Ben-Alí no Mercado, onde o emisario os atenderá de 11.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 21.00 horas, agás o día 31, que estará aberto só pola mañá.

A alcaldesa anunciou hoxe, ademais, que “Ben-Alí contará mañá, mércores, ás 11.30 horas, co apoio de emisarios de altura, nada menos que varios xogadores do CB Breogán e mesmo de Máximus, que tamén axudarán a trasladarlle a Gaspar, Melchor e Baltasar as peticións dos pequenos da casa”.  Unha actividade organizada no marco do convenio de colaboración entre o Clube de Baloncesto Breogán e o Concello de Lugo no que tamén participan o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz e o adestrador, Veljko Mršić.

Así mesmo, as crianzas poderán recoller as cartas aos Reis co certificado de bo comportamento asinado pola primeira mandataria de Lugo tanto na Casa Consistorial como no Mercado de Nadal.

Lara Méndez lembra que se están a desenvolver todos os días actividades infantís na Praza Maior, de xeito que os máis pequenos poidan gozar delas mentres os seus pais e nais realizan os agasallos de Nadal nas casetas atendidas por comerciantes chegados de todos os barrios de Lugo.

Noticias relacionadas