Maite Ferreiro: “adaptaremos os recintos do San Froilán ás novas cabidas anunciadas pola Xunta de Galiza”

A área de Cultura está xa a traballar xunto coas empresas responsables de cada recinto para facilitar o aumento das cabidas

A edil de Cultura sinalou que “agardamos que a nova norma se publique no DOG canto antes para saber as novas cabidas e poder informar á veciñanza”

Mércores, 06 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou sobre as novas cabidas das actividades culturais anunciadas pola Xunta de Galiza, que entrarán en vixencia o vindeiro sábado. Maite Ferreiro explicou que “desde a área de Cultura estamos xa a estudar o anuncio realizado polo conselleiro de Sanidade e agardamos poder aumentar as cabidas para avanzar na recuperación da normalidade”.

A área de Cultura está a traballar xa coas empresas encargadas de cada un dos recintos para analizar as distintas posibilidades de ampliación de cabida, e explicou que “agardamos que a nova norma se publique canto antes, para poder planificar as ampliacións co maior tempo posible”.

A edil de Cultura explicou que “unha vez entre a nova norma en vigor habilitaremos as novas cadeiras nos recintos”. As cabidas pasarán, segundo o calculado pola área de Cultura de 500 a 575 persoas na praza Horta do Seminario, de 250 a 288 no San Froilán Miúdo e en Santa María e de 400 a 460 no Gustavo Freire. “Non se sacarán novas entradas á venta dado o escaso número de entradas que se habilitarán, porque no deseño dos espazos tratamos de permitir a entrada do máximo número de persoas sen incumplir as cabidas”.

Maite Ferreiro lembrou que “as entradas son válidas ata 5 minutos antes do inicio do espectáculo, e unha vez cuberto ese marxe de tempo cubriranse as localidades libres en cada recinto coas persoas que se achegaran sen entrada". A nova cabida dos recintos, unha vez entre en vigor a nova norma, cubrirase coas persoas que se acheguen a cada concerto.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre as novas cabidas no San Froilán | Descargar mp3

Noticias relacionadas