Lugo faise ver en FITUR

A Alcaldesa participa na xornada inaugural da Feira Internacional de Turismo na presentación da novena guía ...E Para Comer Lugo, que a Asociación de Empresarios de Hostalería dedica aos Camiños de Santiago

Lara Méndez e Carmen Basadre presentarán mañá no stand de Galicia a campaña turística do Concello Unha viaxe no tempo: Pasado, presente e futuro. Vén; é Lugo, que rende homenaxe aos tres Patrimonios da Humanidade da cidade

Mércores, 20 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo faise ver en FITUR

Máis de 220.000 visitantes e 165 países e rexións de todo o mundo presentes fan de FITUR unha cita imprescindible para proxectar a imaxe de Lugo no exterior de Galicia e España. O Concello uniu esforzos coa Asociación Provincial de Empresarios de Turismo de Lugo (APEHL) este mércores, na xornada inaugural da Feira Internacional de Turismo de Madrid, para facer ver os atractivos e recursos turístico gastronómicos de Lugo neste escaparate promocional de primeira orde. A Alcaldesa, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participaron xunto ao presidente da APEHL, Cheché Real, o delegado da Área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal, e a delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, na presentación dunha nova edición da guía ...E para comer, Lugo, que tivo lugar no stand de Galicia en FITUR.

O que hoxe deu a coñecer a Asociación de Empresarios de Hostalería é o noveno volume desta colección de guías turísticas, o cal, tras a proclamación de 2016 como Ano Xubilar da Misericordia, o colectivo decidiu dedicar aos Camiños de Santiago que atravesan a provincia de Lugo.

Baixo o título Lugo-Santiago, o anuario está integrado por 132 páxinas, das cales 69 se distribúen en cinco apartados. Os tres primeiros coinciden coas tres rutas xacobeas oficiais, que contan coa categoría de Patrimonio da Humanidade: Camiño Francés, que ten entrada polo poboado prerromano do Cebreiro; Camiño Primitivo, que inicia o seu tramo galego no municipio da Fonsagrada, e Camiño Norte ou Ruta da Costa, que entra pola Mariña Oriental. O cuarto apartado describe o Camiño Sur ou de Inverno, que atravesa a Ribeira Sacra, e o quinto presenta outros dous traxectos menos coñecidos pero igualmente atractivos: o Camiño Norte Interior, que transcorre pola comarca de Meira, e o Camiño do Mar, que transita pola Mariña lucense. “En total, a provincia de Lugo alcanza os 800 quilómetros de Camiños”, subliñou Real.

No libro, cada unha das rutas vai acompañada de mapas ilustrados e dunha variada selección fotográfica dos distintos lugares que os peregrinos poderán atopar na provincia de Lugo. “Por calquera delas, os visitantes desfrutarán de paisaxes de gran beleza, de patrimonio e, por suposto, de boa e variada gastronomía, mantendo máis vivo que nunca o eslogan … E para comer, Lugo”, afirmou o presidente dos hostaleiros lucenses.

Así mesmo, a guía inclúe como seccións habituais os álbums das tapas gañadoras do Concurso de Tapas de Lugo, do Cume Tapas de Monforte e do Concurso Provincial, ademais do álbum dedicado á presenza da APEHL na Vuelta Ciclista a España. A última parte conta cun directorio no que se poden atopar por orde alfabética todos os establecementos asociados da provincia de Lugo.

A publicación ten unha tiraxe de 15.000 exemplares que se distribúen en oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais, hoteis e outros establecementos hostaleiros asociados á APEHL, así como en todas as etapas da Vuelta Ciclista a España, ademais de contar cunha edición dixital na web www.eparacomerlugo.es.

A Alcaldesa de Lugo amosou o seu apoio ao “gran traballo” que desenvolve a Asociación de Hostaleiros “para dar a coñecer fóra das nosas fronteiras os excepcionais recursos turísticos e gastronómicos cos que temos o privilexio de contar en Lugo”, un labor “que sempre contará co apoio do Concello porque se medran os visitantes, medra a hostalería e o sector servizos e, polo tanto, medra a nosa cidade”.

Volta Ciclista a España

Ademais de á presentación da novena guía ...E Para comer, Lugo, a Alcaldesa e a Concelleira de Cultura participaron na  Volta Ciclista a España 2016, da que Lugo será final de etapa o 24 de agosto tras 170 quilómetros de percorrido. A  Volta Ciclista, que arrancará o 20 de agosto en Ourense e que regresa a Lugo despois de 10 anos, move a máis de 20.000 espectadores de media por etapa, concentrándose unhas 3.800 persoas na cidade de chegada, “unha oportunidade que non podemos deixar escapar para promover o noso patrimonio histórico e cultural”, afirmou a rexedora, quen fixo fincapé na labor de promoción dos medios de comunicación, que mostrarán a cidade de Lugo a uns 190 países dos cinco continentes.

O Camiño

Outra das citas nas que estiveron presentes a rexedora e a edil de Cultura foi a presentación do Camiño de Santiago, un dos grandes protagonistas da xornada no stand de Galicia, onde se difundiu, coincidindo co Ano da Misericordia, como unha ruta accesible e un referente internacional que non para de gañar adeptos. 

Vén; é Lugo

Mañá, ás 11.00 horas, terá lugar no stand de Galicia a presentación da campaña turística do Concello Unha viaxe no tempo: Pasado, presente e futuro. Ven; é Lugo, que rende homenaxe aos tres Patrimonios da Humanidade cos que conta a cidade: a Muralla, a Catedral e o Camiño de Santiago. Darase a coñecer un vídeo promocional do Camiño ao seu paso por Lugo, protagonizado por un peregrino que decide realizar unha viaxe bimilenaria pola cidade.

En FITUR o Concello distribuirá máis de 6.300 folletos promocionais de Lugo, así como guías, planos, marcapáxinas ou lapis.

Noticias relacionadas